Economía e Industria organiza en Rennes un encontro internacional de clusters “media” dentro do proxecto ATClusters
Coincidindo coa reunión en Bretaña do Grupo de Traballo semestral do proxecto de colaboración trasnacional do que Igape é xefe de fila, desenvolverase o encontro de agrupacións empresariais de industrias creativas e relacionadas coas novas tecnoloxías
En representación de Galicia acudirán a esta xuntanza representantes do Cluster TIC e do Cluster Audiovisual (CLAG)
O programa comunitario AT Clusters, que lidera o Igape, está servindo para dinamizar o labor das agrupacións empresariais en Galicia
A Consellería de Economía e Industria, como principal promotora do Proxecto ATClusters, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, promove a participación dos clusters galegos relacionados coas TIC e as industrias culturais nun encontro internacional que se desenvolverá os próximos 12 e 13 de xullo en Rennes (Francia). Esta reunión do sector “media” , abarca tanto ao sector audiovisual, como ao de industrias creativas, gráfico ou TIC.
É tarefa do proxecto europeo ATClusters, que lidera a Consellería de Economía e Industria a través do Igape, organizar reunións sectoriais para promover a cooperación e o benchmarking entre as rexións asociadas. Así, xa foron varias as mesas sectoriais internacionais realizadas, como por exemplo as do sector TIC ou a do sector agroalimentario celebrada no mes de marzo en Xixón, con participación de clusters do Arco Atlántico.
Outro encontro previo á celebración desta reunión na Bretaña, foi o que tivo lugar o pasado mes de maio en Vigo, a petición do cluster de industrias creativas de Portugal (ADDICT), e que serviu para establecer pontes de comunicación e abrir posibilidades de proxectos conxuntos. Debido aos bos resultados desta reunión, decidiuse ampliar esa mesa de diálogo bilateral ás demais rexións agrupadas no proxecto ATClusters. Esta primeira experiencia conxunta Portugal-España servirá de exemplo ao ser ampliada ao ámbito multilateral na reunión de Rennes.
Ademais dos clusters galegos citados, acudirán ao encontro de Rennes xerentes de clusters do resto de rexións membros do proxecto ATClusters (Irlanda, Asturias, Cantabria e Portugal), que serán recibidos polos clusters bretóns como anfitrións. En representación destes, estarán o polo de competitividade Images&Reseaux ou o Cluster Articulteurs, xa presentado na Conferencia Transnacional do proxecto celebrada en Santiago hai máis dun ano; o que é mostra máis da continuidade no espazo colaborativo creado polo proxecto que encabeza o Igape.
No encontro de Rennes realizaranse contactos con seis rexións europeas, tanto individuais como de forma conxunta, e tanto de cara á colaboración bilateral como orientadas á presentación de proxectos máis amplos, o que permitirá unha optimización dos recursos temporais e financeiros do proxecto e dos propios clusters implicados. A visita a un Centro Tecnolóxico local e a un dos clusters colaboradores, completará a axenda prevista.
Con esta reunión, o IGAPE segue a profundar nos contactos entre as organizacións empresariais involucradas no proxecto ATClusters. Esta vez, mediante a modalidade de mesa sectorial. Ademais, as conclusións desta reunión de traballo servirán para nutrir algúns dos estudos nos que se está traballando no proxecto; documentos sobre políticas europeas de clusters que serán distribuídos posteriormente a diferentes redes das que ATClusters forma parte, por exemplo a European Cluster Alliance, e, sobre todo, ó High Level Group for European cluster policies, dependente da Comisión Europea.
A Consellería de Economía e Industria promove a colaboración entre as empresas dun mesmo sector e de sectores complementarios porque a considera fundamental para que poidan incorporar innovación, melloras de competitividade ou a penetración en mercados exteriores que non poderían conquistar por si soas. A colaboración sectorial e transversal con outros clusters dun mesmo territorio ou con organizacións semellantes doutras rexións de Europa e tamén importante para acadar maiores cotas dunha internacionalización sólida consolidable.
E por isto polo que o departamento que dirixe Javier Guerra está a facilitar, principalmente a través do Igape, a colaboración dos clusters galegos para que participen e se beneficien das novas vías de colaboración abertas no marco do programa comunitario AT Clusters, que lidera o Igape e que está servindo para dinamizar as agrupacións empresariais en Galicia.