Economía e Industria formou a máis de 2.000 persoas en condución eficiente de vehículos neste exercicio

Domingo 29 de Agosto de 2010

Economía e Industria formou a máis de 2.000 persoas en condución eficiente de vehículos neste exercicio

Un total de 1.864 alumnos participaron nos cursiños de condución eficiente para vehículos turismos e 150 para vehículos industriais

Este programa formativo, impulsado polo Instituto Enerxético de Galicia, ten como obxectivo fomentar técnicas que permiten diminuír o consumo de combustible ata un 15%, coa conseguinte redución na emisión de gases contaminantes á atmosfera, así como incrementar os índices de seguridade ao volante

Este ano realizáronse diversos cursos en colaboración coa DGT e desenvolvéronse xornadas de eficiencia na rúa

Estas actividades formativas, dirixidas en todo momento por monitores expertos, enmárcanse dentro da estratexia global da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), adscrito á Consellería de Economía e Industria, leva formado neste ano a máis a de 2.000 alumnos en condución eficiente de vehículos, tanto turismos como industriais, a través do seu programa formativo 2009, que desenvolve en colaboración co IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía), e que remata o próximo 30 de setembro. Nos vindeiros meses darán comezo novos cursos sobre esta materia, que se enmarcarán xa no exercicio 2010 (do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2011).

Das máis de dúas mil persoas beneficiarias, 1.864 participaron nos cursos de condución eficiente para vehículos turismos que o Inega promoveu este ano nuns 50 concellos así como en diversas asociacións, ao abeiro do convenio de colaboración plurianual que ten con Faepac (Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña), con Faimevi (Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo) e coa Fundación Sotavento Galicia. Concretamente, 621 persoas realizaron estes cursiños do Inega a través de Faimevi, 617 con Faepac e 626 coa Fundación Sotavento Galicia.

Entre as novidades deste exercicio destacaron a realización de cursos de condución eficiente de vehículos turismos en colaboración coa DGT (Dirección General de Tráfico), que se desenvolveron en diferentes cidades galegas, así como xornadas de eficiencia na rúa, nas que se ofreceron clases de condución eficiente ás persoas que o desexaron.

Vehículos industriais
Así mesmo neste exercicio o Instituto que dirixe Eliseo Diéguez pertencente á Consellería cuxo titular é Javier Guerra formou a 150 alumnos nunha condución eficiente en vehículos industriais, en colaboración con Racc Automóvil Club, entidade autorizada polo Inega para a impartición dos devanditos cursos.

Os cursos de condución eficiente teñen como obxectivo fomentar técnicas de condución, coas que se obteñen unhas diminucións medias no consumo de combustible de ata o 15% sobre a condución convencional, coa consecuente redución na emisión de gases contaminantes, ademais de incrementar tamén o nivel de seguridade ao volante.

Monitores expertos
Estas accións formativas, que se enmarcan dentro da estratexia global de potenciación do aforro e da eficiencia enerxética da Xunta de Galicia, contan en todo momento con monitores expertos que explican as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. Durante as clases, o alumno ten a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución eficiente no consumo do combustible mediante unha proba práctica que se verifica antes e despois da sesión teórica.