Economía e Industria formará, a través de BIC Galicia, aos emprendedores que participen en vindeira capital Network 2012
O encontro para investidores e emprendedores no ámbito TIC, que desenvolverá en maio deste ano a súa terceira edición, será presentado mañá luns en Santiago.
Ten como obxectivo procurar que emprendedores TIC galegos con proxectos con percorrido teñan mellores oportunidades de captar investimentos privados para avanzar no seu desenvolvemento e consolidación nos mercados
A Consellería de Economía e Industria ocuparase de achegar formación gratuíta, a través de BIC Galicia, aos emprendedores que participen na próxima edición de Vindeira Capital Network, evento orientado á captación de investimentos no ámbito das TIC que se presentará o luns en Santiago. O foro de investimento contará coa presenza de investidores privados de toda España e con especialistas do ámbito TIC para presentarlles proxectos galegos en desenvolvemento e para atraer investimento cara a eles.
Vindeira Capital Network é unha iniciativa promovida por empresas galegas vinculadas ao sector TIC que se ven desenvolvendo desde 2010 e que pretende reunir investidores, analistas e especialistas co obxecto de moldear o futuro do investimento neste sector en Galicia, a partir dunha estrutura de capital risco estable para este sector.
Vindeira Capital Network 2012 celebrarase a principios de maio e acollerá a presentación dos proxectos emprendedores previamente seleccionados, que contarán coa formación facilitada por BIC Galicia para mellorar as súas posibilidades de captar os recursos privados que lles permitan avanzar no seu desenvolvemento e consolidación.
Na presentación do evento participará a directora xeral de BIC Galicia, Maite Cancelo, xunto con representantes do sector TIC, da Universidade de Santiago de Compostela e de Videira Capital Network, que considera imprescindible impulsar unha estratexia de innovación acertada para consolidar en Galicia unha industria TIC sostible.
A presentación de Vindeira Capital Network 2012 desenvolverase nunha rolda de prensa que se celebrará o luns,16 de xaneiro, ás 12 horas, no pazo de San Xerome, en Santiago.