Economía e Industria destaca o papel estratéxico das empresas TIC na dinamización da innovación en Galicia

Martes 13 de Decembro de 2011

Economía e Industria destaca o papel estratéxico das empresas TIC na dinamización da innovación en Galicia

A asociación empresarial INEO outorgoulle hoxe á Consellería de Economía e Industria a distinción de socio de honra durante o II Encontro Empresarial do Sector TIC

O director xeral de I+D+i Ricardo Capilla animou ás empresas galegas a aproveitar o amplo abano de oportunidades que se abren para levar a cabo iniciativas innovadoras co respaldo das administracións públicas

O Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento contempla as TIC como un dos sectores estratéxicos para o crecemento económico do país

A Consellería de Economía e Industria converteuse hoxe no primeiro socio de honra da Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e da Telecomunicación (INEO). A distinción foi recollida hoxe polo director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, no marco do II Encontro Empresarial do Sector TIC, celebrado en Santa María de Oia (Pontevedra). Na súa intervención, Capilla destacou o papel estratéxico que as empresas do sector das tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) “poden e deben xogar no impulso da innovación e, en consecuencia, no crecemento económico do país”.

O director xeral de I+D+i fixo unha lectura en positivo das expectativas de futuro para as empresas galegas no ámbito da innovación, destacando “o amplo abano de oportunidades que se abre para embarcarse en proxectos de alto impacto co respaldo das administracións públicas e, en concreto, da Xunta de Galicia”. Neste sentido, lembrou que mañá se pecha o prazo de presentación de propostas para o programa Innterconecta-Galicia, impulsado conxuntamente pola Consellería de Economía e Industria e o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) para cofinanciar proxectos de I+D en áreas produtivas estratéxicas.

Capilla mostrouse convencido de que os proxectos presentados, que deben ser executados por consorcios de empresas galegas coa colaboración de centros públicos de investigación, “non decepcionarán e permitirán mobilizar os 60 millóns de euros que nos puxemos como obxectivo cando lanzamos a convocatoria”. A aposta competitiva pola innovación e a creación de emprego foron sinaladas polo director xeral como factores determinantes na achega que a Administración autonómica realiza a este programa, cofinanciado con fondos FEDER e que se traducirá nun investimento total público-privado “que multiplicará por sete cada euro destinado pola Xunta”.

Os fondos europeos foron sinalados por Capilla como “o tren que as empresas galegas non poden perder para ter a oportunidade de abordar grandes proxectos de innovación que marquen a senda da competitividade”. Os dous anos que lle quedan de vixencia ao Fondo Tecnolóxico Europeo son, como manifestou o director xeral, “unha oportunidade que as empresas teñen que aproveitar unindo esforzos a través de consorcios, buscando partners nos centros de coñecemento, pensando en clave internacional e implantando dinámicas de innovación aberta”. Neste sentido, agradeceu a labor que INEO está a realizar como entidade dinamizadora destas liñas de actuación no ámbito das empresas TIC galegas.

Ademais, Capilla mencionou, no mesmo contexto de oportunidades que se abren para as empresas galegas, o convenio que a Xunta está a piques de pechar co Goberno central no marco da Estratexia Estatal de Innovación (e2i), que suporá a execución de accións de fomento da innovación en Galicia mediante unha importante dotación económica. Así mesmo, lembrou a aposta do Goberno autonómico a través do Fondo Tecnolóxico I2C, que contempla un orzamento de 20 millóns de euros para investir en proxectos empresariais galegos a través da fórmula do capital risco.

Sector estratéxico

Capilla destacou que a incorporación das TIC ao ámbito da empresa promove dinámicas de interacción e intercambio máis densas e ricas, facilita a xeración do coñecemento e favorece a implantación de modelos de negocio e de procesos organizativos novos nas empresas. Segundo o director xeral de I+D+i, estes son os principais motivos de que as TIC centren un dos programas sectoriais do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015.

Por outra banda, fixo fincapé na capacidade da innovación desenolvida no ámbito das TIC para favorecer “non só a competitividade do propio sector, senón para xerar, pola súa horizontalidade, efectos multiplicadores que se estenden a outros sectores, converténdose en novas oportunidades de innovación para as empresas que configuran todo o tecido produtivo”.