Economía e Industria axuda aos concellos da comarca do Deza a mellorar as zonas comerciais co fin de impulsar o crecemento e a xeración de emprego no pequeno comercio
A Xunta renova o seu compromiso cos concellos da comarca, nun momento complexo como o actual, e fomenta o desenvolvemento de mercados e zonas comerciais racionais, accesibles e modernas
As subvencións neste eido para 2011-2012 na comarca ascenden a 666.157,67 euros que xerarán a movilización de investimentos por valor de 888.210,23 euros
A prioridade da Consellería de Economía e Industria, dentro do seu Plan Ágora- Agora re-Comercia, é a potenciación do comercio de proximidade, o incremento da súa calidade e a creación de emprego
Os centros comerciais abertos, os eixos comerciais, as prazas de abastos e os mercados tradicionais, cobran un especial protagonismo nestas actuacións
Para facer máis doados os trámites e a execución das obras, Economía e Industria contempla anticipos de hasta o 50% das subvencións
A Consellería de Economía e Industria renova o seu compromiso cos concellos da comarca do Deza para a adecuación e modernización dos equipamentos comerciais municipais, dentro das accións contempladas no Plan Ágora- Agora reComercia, cun investimento de 666.157,67 euros para os anos 2011-2012. A Xunta de Galicia fai un importante esforzo para priorizar e axudar aos municipios, nun momento complexo para as administracións locais, co obxectivo de impulsar a mellora das zonas comerciais favorecendo o crecemento e a xeración de emprego nas comarcas galegas. As accións na área do Deza xerarán un investimento asociado de 888.210,23 euros na zona.
A orde concede axudas de entre o 70 e o 75% aos concellos da comarca que as solicitaron para levar a cabo proxectos de mellora dos seus focos comerciais que van desde os equipamentos das rúas, ata a dinamización dos centros comerciais urbanos ou prazas de abastos. En concreto, a Xunta concederá 43.912,50 euros na Adecuación da praza do mercado ambulante de Vila de Cruces; 135.000,00 euros no arranxo das rúas Morón, Alfonso Trabazo e Braña do Medio en Silleda e a rúa do Parque en Bandeira; 81.579,30 euros no acondicionamento praza de abastos de Lalín; 132.089,02 euros na mellora da rúa C. Sotelo (soterramento contedores) en A Estrada; 123.582,10 euros mellora rúa da Constitución en Cercedo e 149.994,75 euros na humanización da rúa Regueira en Forcarei.
Con estas subvencións aos concellos a Xunta está impulsando a mellora das zonas que, tradicionalmente, concentran a actividade comercial das nosas vilas e cidades. Os centros comerciais abertos, os eixos comerciais, as prazas de abastos e os mercados tradicionais, cobran un especial protagonismo nestas actuacións.
Ademais, para mellorar o financiamento das obras programadas nos concellos e axudar a paliar os efectos dunha época na que as administracións están a ver minorados os seus ingresos, sobre todo, no que respecta á administración local, a Xunta quere facer un esforzo para contribuír ao seu acercamento ao cidadán e ao comerciante. Por todo iso, entre as medidas tomadas para facer máis doados os trámites e a execución das obras se contemplan anticipos de hasta o 50% das subvencións.