Economía e Industria aproba un préstamo de 5 millóns de euros a T-solar para combater a incertidume retributiva das primas e apoiar a súa expansión internacional

Martes 10 de Agosto de 2010

Economía e Industria aproba un préstamo de 5 millóns de euros a T-solar para combater a incertidume retributiva das primas e apoiar a súa expansión internacional

Javier Guerra apunta que a aprobación deste préstamo responde ao compromiso do seu departamento coas enerxías limpas e ás empresas que as desenvolven “nun periodo de incertidume regulatoria que está a crear moitos problemas”

A achega económica, a través de Xesgalicia, estará sometida a execución e vixiancia dun completo e riguroso plan de negocio

O préstamo permitirá a T-Solar facer fronte á incertidume do marco retributivo, ás actuais restriccións financeiras, e seguir apostando pola innovación e o desenvolvemento para gañar en competitividade e avanzar na súa estratexia internacionalizadora, ademais de manter o emprego

O conselleiro salientou que T-Solar é un referente mundial na produción de enerxía solar fotovoltaica, e conta en Ourense coa maior liña de produción de módulos de silicio amorfo de toda España

A Consellería de Economía e Industria ven de aprobar recentemente, da man de Xesgalicia, a concesión dun préstamo de 5 millóns a empresa T-Solar, ubicada na Tecnópole, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. Así o manifestou hoxe o conselleiro Javier Guerra, quen salientou que este apoio demostra o compromiso do seu departamento coas empresas de enerxías renovables “nun momento no que a incertidume sobre o marco regulatorio das primas por parte do Goberno Central está a crear moitos problemas”. Ademais, engadiu que o apoio a T-Solar pode verse incrementado a través de avais por valor de 7 millóns de euros, que actualmente están en estudo.

O préstamo, apuntou o conselleiro, estará sometido a execución e vixiancia dun completo e riguroso plan de negocio, co que a empresa T-Solar “non soamente fará fronte a esta incertidume do marco regulatorio das primas e as actuais restriccións financeiras, senón que poderá seguir apostando pola innovación e o desenvolvemento para gañar en competitividade e avanzar na súa estratexia internacionalizadora e ampliar mercados xa existentes en Italia, Francia, Perú ou a India, ademais de manter un cadro de persoal que pasa dos 200 traballadores”.

Javier Guerra salientou que na concesión deste préstamo a T-Solar conflúen tres dos piares básicos do traballo da Consellería de Economía e Industria, “como son o respaldo ás enerxías limpas e ás empresas que as desenvolven, sobre todo no actual marco de incertidume retributiva relativa ás primas por parte do Goberno Central, o impulso á internacionalización do tecido produtivo galego e o fomento da I+D+i para alcanzar maiores cotas de productividade gañando competitividade nos mercados”.

O conselleiro de Economía e Industria apuntou que a aprobación deste préstamo responde ao esforzo inversor de T-Solar en Ourense, que investiu 1.100 millóns de euros na posta en marcha “dun proxecto empresarial galego pioneiro cunha clara vocación estratéxica cara á xeración de enerxía limpa a partir de grandes centrais solares fotovoltaicas, reducindo así a dependencia do consumo de combustibles fósiles, un obxectivo prioritario do Goberno galego”.

O respaldo económico permitirá tamén a T-Solar seguir posicionada “como un dos produtores independentes de enerxía líder no mercado de xeración de enerxía solar fotovoltaica a nivel mundial, en termos de capacidade instalada”. As centrais fotovoltaicas de T-Solar contan con 168 MWp de potencia instalada en operación en España e Italia, e varios proxectos para medrar en mercados como o francés, o peruano, o indio ou o estaodunidense.

Por outra banda, no ámbito da fabricación, o conselleiro de Economía e Industria destacou que T-Solar ten posto en marcha a maior liña de produción de módulos de silicio amorfo de toda España, o que sitúa “a esta empresa e á provincia de Ourense á vangarda da tecnoloxía mundial”.