Economía e Industria apoiará ao tecido empresarial con maior axilidade e eficiencia no marco do plan re-Forza 2010
O director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, aposta por unha xestión máis dinámica para conseguir que os apoios ás empresas sexan máis efectivos e destaca os anticipos sin aval como forma de prefinanciamento de proxectos
No marco do plan re-Forza 2010, explicou, “estamos a converter o Instituto nunha organización que actúa con máis axilidade e de xeito flexible para dar axeitada resposta ás necesidades do tecido empresarial galego”
Varela clausurou as xornadas organizadas por APD sobre como enfrontar os procesos de financiamento e reestruturación financeira das empresas, e salientou as axudas para elaborar análises económico-financeiras das pemes
Destacou os programas re-Brote e re-Solve abertos á presentación de novas solicitudes ata o próximo 30 de xuño, mediante os que o Instituto comparte risco coas entidades financeiras colaboradoras e cos empresarios e autónomos
O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, salientou a maior axilidade na avaliación das solicitudes de apoio das empresas como un dos principais retos do organismo que dirixe para 2010, e destacou igualmente que o Instituto se centrará en achegarlles ás pemes instrumentos e ferramentas no ámbito financeiro, para favorecer o financiamento; para facilitar o acceso ás fontes de financiamento, o responsable do Igape citou catro vías: o plan de garantías públicas (re-Brote e re-Solve), as axudas para a realización de análises económico-financeiras das pemes, o prefinanciamento de proxectos mediante a entrega de anticipos de ata o 50% das axudas sen aval, e os apoios para avaliar a posibilidade de integración no Mercado Alternativo Bursátil (MAB).
Segundo explicou durante a súa intervención de clausura das xornadas organizadas pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) sobre como enfrontar os procesos de financiamento e reestruturación financeira das empresas, o plan re-Forza 2010 impulsado pola Consellería de Economía e Industria integra todas as novas liñas de apoio do Instituto e aposta polos anticipos nas axudas concedidas e por unha xestión máis dinámica para conseguir que os apoios sexan máis efectivos. Nesta xornada informativa, que contou co apoio da Consellería de Economía e Industria, participaron tamén a directora de Incentivos do Igape, Cristina Quintela, e o subdirector de información especializada, Carlos Silva, que foron os encargados de explicar polo miúdo as novidades incluídas nas liñas de axudas para apoiar os novos investimentos, as iniciativas de mellora da competitividade, o financiamento de operacións de circulante ou os proxectos de expansión exterior.
Durante a súa intervención, Joaquín Varela explicou que o novo marco de apoio integrado no plan re-Forza 2010 está deseñado para procurar que as empresas poidan seguir investindo e funcionando con normalidade nestes momentos de dificultades. Referiuse en concreto aos programas re-Brote e re-Solve, abertos á presentación de novas solicitudes ata o próximo 30 de xuño, nos que o Instituto comparte risco coas entidades financeiras colaboradoras e cos empresarios e autónomos para facilitarlles o acceso ao financiamento de circulante que precisan.
O director do Igape tamén lembrou as recentes convocatorias dos apoios para novos investimentos, ben mediante subvencións –re-Emprende- ou mediante préstamos subvencionados no marco programa re-imaXina, tamén aberto a novas solicitudes ata o 30 de xuño. Baixo a coordinación da Consellería de Economía e Industria, e no marco do plan re-Forza 2010, “estamos a converter o Instituto Galego de Promoción Económica nunha organización que actúa con máis axilidade e de xeito flexible para dar cumprida resposta ás necesidades do tecido empresarial galego”, explicou.
Varela de Limia recordou que, durante o ano 2009, a Consellería de Economía e Industria deulle especial impulso, a través do Igape, aos programas e instrumentos destinados a facilitar financiamento ás empresas, tanto para operacións de circulante como para realizar investimentos. As axudas concedidas en 2009 a través das distintas liñas de apoio das que dispón o Igape, incluíndo os apoios directos e coxestionados, medraron nun 207,6% con respecto ao ano anterior. Deste xeito, os investimentos empresariais totais apoiados o pasado ano roldaron os 1.500 millóns de euros, cun incremento do 46% sobre as cifras de 2008, indicou.
O director do Igape advertiu que se mantén o apoio ao financiamento dos investimentos e das operacións de financiamento de circulante como obxectivos pero, para 2010, e no marco do plan re-Forza, o punto de mira do Instituto apunta a apoiar especialmente a mellora da competitividade das empresas galegas e a súa internacionalización. “Tamén nos propoñemos desenvolver a nosa actividade ao servizo do tecido empresarial gañando cotas de eficiencia, reducindo prazos de presentación, resolución e pagamento de axudas mediante a incorporación de novos instrumentos e ferramentas de administración electrónica”, destacou.
Entre as medidas para axilizar a xestión das liñas de axuda, Joaquín Varela salientou que serán de especial importancia os avances técnicos que se están a incorporar, con medidas como a dixitalización e cotexo electrónico, e unha máis estreita integración de procesos de xestión coas entidades colaboradoras.
Dixitalización e cotexo electrónico
O Igape xa consolidou durante o pasado ano o seu sistema de firma electrónica, referido non só ao ámbito de presentación de expedientes senón tamén nas diferentes fases de tramitación dos mesmos. De feito, moitos expedientes de axudas do Igape son tramitados sen mediar o uso de papel, o que lle ten permitido ó Instituto avanzar de xeito fundamental na axilidade da xestión, con indicadores tan significativos como o de reducir de 15 días a 15 horas algúns tempos de proceso de autorizacións.
O Igape, está traballando agora na incorporación da dixitalización e cotexo electrónico de documentos, o que, segundo Varela de Limia, facilitará aos usuarios a presentación dos seus expedientes e redundará, naturalmente, nunha xestión máis áxil das liñas de axuda. Cremos que isto é fundamental para que as axudas sexan máis útiles ó empresariado, e por iso para nós é un obxectivo irrenunciable avanzar nesta liña”, concluíu.