Economía e Industria apoia o desenvolvemento da tecnoloxía a prol da eficacia na xestión pública e no eido empresarial
O director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla, participou hoxe na presentación do Salón Internacional de Tecnoloxía que celebrará a súa primeira edición do 17 ao 19 de novembro onde apostou por promover “novos enfoques na xestión da innovación” como “un dos eixes das políticas de innovación postas en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar a mellora da competitividade empresarial”.
SITE’2010 abordará as claves da internacionalización no eido do comercio electrónico, os desenvolvementos para a interoperabilidade coas administracións públicas, os últimos modelos de desenvolvemento tecnolóxico en banca, os novos enfoques na xestión da innovación e os últimos avances tecnolóxicos desenvolvidos para un novo modelo de transaccións.
A Consellería de Economía e Industria, como unha das entidades organizadoras do primeiro Salón Internacional da Tecnoloxía (SITE), apoia esta iniciativa coa finalidade de impulsar o desenvolvemento da tecnoloxía a prol da mellora da eficacia na xestión pública e tamén no eido empresarial, para fomentar a competitividade.
O director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, participou hoxe na presentación do SITE, que celebrará a súa primeira edición do 17 ao 19 de novembro. Capilla destacou “a satisfacción da Xunta ao participar no comité organizador do SITE 2010, polo que supón de recoñecemento á intensa labor que se está realizando desde o Goberno galego para aproveitar todo o potencial das TIC e facilitar o acceso á Administración por parte da cidadanía, simplificando trámites e procedementos burocráticos”.
Neste sentido, cómpre destacar como un compromiso firme da Consellería de Economía e Industria a utilización de todos os recursos tecnolóxicos e de xestión ao seu dispor para axilizar a xestión das peticións de axuda que chegan a todos os seus departamentos, como é o caso das solicitudes do programa financeiro que será posible tramitar nun tempo medio de 45 días.
Ademais, o director xeral de I+D+i subliñou a necesidade de promover “novos enfoques na xestión da innovación”, que será un dos temas centrais a tratar no SITE 2010. Capilla engadiu que “precisamente este aspecto está a ser un dos eixes das políticas de innovación postas en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar a mellora da competitividade empresarial”.
O director xeral tamén lembrou a posta en marcha no segundo semestre de 2009 da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), que se está a materializar na incorporación de 50 técnicos especialistas en innovación noutras tantas pemes galegas. A Consellería de Economía e Industria ocupouse da selección destes profesionais e do programa intensivo de formación que están a seguir para integrarse no cadro de persoal das empresas que o solicitaron, facéndose cargo ademais do cofinanciamento dos seus custos laborais durante os primeiros tres anos.
Do mesmo xeito, Capilla fixo fincapé na creación da Axencia Galega de Innovación, que será o organismo de referencia para a xestión das políticas de innovación da Xunta. Segundo expuxo, “este novo instrumento terá como obxectivo prioritario reconducir unha realidade empresarial marcada, en xeral, por unha escasa orientación á innovación estratéxica, traballando no establecemento de relacións de coñecemento entre empresas, especialmente entre as que posúen capacidade tractora”.
O Salón Internacional de Tecnoloxía pretende reunir na súa primeira edición a todas aquelas empresas con solucións nos ámbitos de comercio e transaccións electrónicas, tecnoloxía financeira e innovación tecnolóxica para o sector público. No marco do SITE’2010 celebrarase o congreso orientado a directivos de sistemas en banca, telecomunicacións e administracións públicas, responsables de tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) de todo tipo de empresas.
Neste sentido, o director xeral de I+D+i destacou o “importante papel” que o sector financeiro cumpre no Sistema de Innovación, en referencia a que “son moitas as innovacións tecnolóxicas que teñen a súa orixe na banca e se acaban estendendo á Administración pública e a outros ámbitos empresariais”.
Asemade, SITE’2010 abordará as claves da internacionalización no eido do comercio electrónico, os desenvolvementos para a interoperabilidade coas administracións públicas, os últimos modelos de desenvolvemento tecnolóxico en banca, os novos enfoques na xestión da innovación e os últimos avances tecnolóxicos desenvolvidos para un novo modelo de transaccións.