Economía e Industria apoia a implantación na Coruña dunha compañía holandesa líder en desenvolvemento de aplicacións móbiles
O Igape asesorou e acompañou á empresa no proceso de instalación en Galicia
O director do Instituto, Javier Aguilera, destaca a importancia de atraer empresas tecnolóxicas, con capacidade para xerar sinerxías e empregar a técnicos galegos de alta cualificación
O voceiro de MobGen Technology Spain, Ron Vrijmoet, salientou que a empresa facilita o regreso a Galicia de 5 profesionais de orixe galega que estaban a traballar na central de Amsterdam e prevé incrementar o cadro de persoal
A Consellería de Economía e Industria vén de concluír un proceso de apoio integral á compañía holandesa MobGen, especializada en desenvolvemento de aplicacións para móbiles, para facilitar a primeira implantación desta empresa en España cunha sede en A Coruña. MobGen emprega a 75 persoas en Holanda e ten oficinas comerciais en Londres e Singapur.
Durante unha visita ás instalacións que MobGen Technology Spain abriu na cidade herculina, o director do Igape, Javier Aguilera, destacou os esforzos da Xunta enfocados á captación e ó crecemento de novas empresas innovadoras, polo seu potencial para provocar sinerxías con compañías tecnolóxicas galegas e pola súa capacidade para atraer técnicos galegos de alta cualificación. Neste senso, destacou que a apertura das oficinas de MobGen levouse a cabo con 7 especialistas, dos que cinco, de orixe galega, traballaban xa en Holanda e agora retornan a Galicia.
Ron Vrijmoet, executivo e voceiro do grupo holandés, destacou que coa apertura da sede coruñesa remata un proceso iniciado hai nove meses e levado a cabo en colaboración directa co Igape. Durante os últimos seis meses, creadores de aplicacións iOS e Android contratados por Mobgen traballaron en multitude de proxectos na sede central de Amsterdam, para aliñarse plenamente coa forma de traballar do grupo. Agora, dixo, “lideran en España un equipo en crecemento de desenvolvedores de aplicacións móbiles”.
Desde a factoría aberta agora na Coruña, MobGen márcase como obxectivo incrementar o equipo existente contratando aos mellores especialistas en solucións móbiles de España, explicou Ron Vrijmoet. Mobgen é unha empresa líder neste ámbito, destacando na creación de interfaces de usuarios móbiles. Ofrece ademais servizos de estratexia, solucións en arquitectura, desenvolvemento de conceptos, deseño de interfaces, desenvolvemento para plataformas móbiles (nativas, híbridos, HTML5, etc.), análise da Experiencia de Usuario (UX Testing), integración de sistemas, aseguramento da calidade (QA), dirección de proxectos, despregue e campañas de publicidade móbil.
A compañía holandesa ten entre os seus clientes a multinacionais como Shell International, ABN AMRO, The Dutch National Bank, KPMG, Aegón, General Motors, Heinz e Vimpelcom. Como especialista en aplicacións móbiles ten recibido premios e recoñecementos como o SAN (Integrated Marketing) 2011 Award, Dutch Interactive Award (DIA) 2012 ou o Mobile Media & Marketing Award (MMMA) 2012, e duás veces premiado por FWA en proxectos de aplicacións móbiles.