Economía e Industria anima aos comerciantes en Carballo a vender os seus produtos no portal electrónico do comercio galego
A directora xeral de Comercio, Nava Castro, participou esta tarde na presentación na zona da web comerciogalicia.es, que permitirá aos establecementos contar cunha plataforma conxunta para a venda on line
A iniciativa, posta en marcha en colaboración coa Federación Galega de Comercio, ofrece sistemas de envío e de pagos unificados
Os clientes terán a posibilidade de mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica
A directora xeral de Comercio, Nava Castro, participou esta tarde en Carballo na presentación para os comerciantes da zona do portal de comercio electrónico comerciogalicia.es. Trátase dunha plataforma posta en marcha en colaboración pola Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio que permitirá que os establecementos de proximidade galegos combinen a súa actividade tradicional coa venda a través de internet.
Nava Castro animou aos comerciantes que acudiron á sede do Centro Comercial Aberto de Carballo a sumarse a esta iniciativa, porque, indicou, “por unha banda posibilitará que se abran a novos mercados, e ao mesmo tempo permitiralles aumentar os servizos que ofrecen á clientela que xa confía neles no día a día”.
Neste sentido, a directora xeral de Comercio recordou que “o impulso á modernización e dinamización do pequeno comercio é un dos eixos estratéxicos da actuación de Consellería de Economía e Industria” e lembrou que o departamento que dirixe Javier Guerra “ten en marcha un plan integral onde se plasma a estratexia comercial da Xunta: o Plan Ágora- Agora Re-comercia”.
O portal electrónico que hoxe se presentou en Carballo servirá de escaparate conxunto do sector para a venda a través de internet, e ofrece servizos de envío e de pagos unificados, así como vantaxes como a venda por lotes. Ademais, os clientes poderán mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica.