Economía e Industria anima aos comerciantes arousáns a vender os seus produtos na rede a través do portal electrónico do comercio galego

Venres 27 de Abril de 2012

Economía e Industria anima aos comerciantes arousáns a vender os seus produtos na rede a través do portal electrónico do comercio galego

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, participou esta tarde en Vilagarcía na presentación na zona da web comerciogalicia.es, que permite aos establecementos contar cunha plataforma conxunta para a venda on line

A iniciativa, posta en marcha en colaboración coa Federación Galega de Comercio, ofrece sistemas de envío e de pagos unificados

Os clientes teñen a posibilidade de mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, participou esta tarde Vilagarcía na presentación para os comerciantes da zona do portal de comercio electrónico comerciogalicia.es. Trátase dunha plataforma posta en marcha en colaboración pola Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio que permite que os establecementos de proximidade galegos combinen a súa actividade tradicional coa venda a través de internet.

Na súa intervención, a directora xeral de Comercio recordou que “o impulso á modernización e dinamización do pequeno comercio é un dos eixos estratéxicos da actuación de Consellería de Economía e Industria” e lembrou que o departamento que dirixe Javier Guerra “ten en marcha un plan integral onde se plasma a estratexia comercial da Xunta: o Plan Ágora- Agora Re-comercia”.

Nava Castro animou aos comerciantes que acudiron á reunión celebrada na sede do centro comercial aberto Zona Aberta a sumarse a esta iniciativa, porque, indicou, “por unha banda posibilitará que se abran a novos mercados, e ao mesmo tempo permitiralles aumentar os servizos que ofrecen á clientela que xa confía neles no día a día”.

O novo portal electrónico que hoxe se presentou en Vilagarcía serve de escaparate conxunto do sector para a venda a través de internet, e ofrece servizos de envío e de pagos unificados, así como vantaxes como a venda por lotes. Ademais, os clientes poden mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica.