Economía e Industria activará unha campaña de sensibilización para estimular a participación cidadá a favor dun uso responsable da enerxía a través das novas tecnoloxías

Luns 28 de Marzo de 2011

Economía e Industria activará unha campaña de sensibilización para estimular a participación cidadá a favor dun uso responsable da enerxía a través das novas tecnoloxías

Un videoxogo interactivo que ten como protagonistas a Super-E e a Familia Efi, que dun xeito moi sinxelo axudarán ao usuario a construír unha casa modelo de aforro e eficiencia enerxética, será o eixo estrutural sobre o que pivotará esta iniciativa que se presentará o 4 de marzo nun acto conmemorativo do “Día Mundial da Eficiencia Enerxética”

A Consellería de Economía e Industria, da man do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), reforza a súa aposta estratéxica pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética poñendo as novas tecnoloxías ao servizo do cidadán

A Consellería de Economía e Industria, da man do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), reforzará a súa aposta estratéxica pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética poñendo as novas tecnoloxías ao servizo do cidadán como instrumento proactivo para ir creando conciencia a prol dun uso máis racional da enerxía e, deste xeito, conseguir unha Galicia enerxeticamente máis eficiente e sostible e con menor dependencia exterior.

Baixo a premisa de desenvolver un labor de sensibilización social a través dos novos medios e tamén coa perspectiva de abordar o aforro en clave educacional, o departamento que dirixe Javier Guerra impulsará unha campaña de información e concienciación sobre un uso racional dos recursos enerxéticos, que busca a complicidade co interlocutor e que está dirixida principalmente a un público infantil-xuvenil.

O elemento central sobre o que se articula esta innovadora iniciativa constitúeo un videoxogo interactivo sobre o aforro enerxético no que os protagonistas, un superheroe da eficiencia, Super-E, e os seus achegados, a Familia Efi, servirán como modelo a seguir, sobre todo para os máis pequenos, de cara a converter a súa nova casa nun fogar exemplo de eficiencia.

As persoas que completen o xogo, que terá como lema “Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar” coñecerán, dun xeito fácil e lúdico, as medidas que hai que adoptar nun fogar para aforrar enerxía. O obxectivo é maximizar a divulgación das diferentes actuacións que o Inega, adscrito a Economía e Industria, desenvolve para instaurar políticas efectivas de utilización racional dos recursos enerxéticos.

Economía e Industria presentará este videoxogo interactivo o próximo venres, 4 de marzo, nun acto conmemorativo do “Día Mundial da Eficiencia Enerxética”, no que o Super-E e a Familia Efi tomarán vida en forma de monicreques. A iniciativa, que se desenvolverá no Hotel Monumento San Francisco, a partir das 11.15 horas, estará presidida polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e polo director do Inega, Eliseo Diéguez, nun acto público que contará con presenza maioritaria de escolares.

Ademais, como actividade complementaria aos actos conmemorativos do “Día Mundial da Eficiencia Enerxética”, o mércores, 16 de marzo, o Inega desenvolverá na EGAP unha xornada sobre “Sostibilidade Enerxética Municipal”, que terá a potenciación do aforro e da eficiencia como eixo estrutural e na que se tratarán diversos casos prácticos sobre como os concellos poden chegar a conseguir un aforro considerable, económico e enerxético, ademais de contribuír a unha mellora da protección do medio ambiente.