Economía e Industria activa unha campaña para a mellora da información dos comerciantes que inclúe o desenvolvemento do Portal do Comercio Galego
Javier Guerra vén de asinar un convenio de colaboración coa Federación Galega de Comercio para mellorar a formación e información dos comerciantes
O conselleiro apuntou que “a dinámica de cooperación, propiciada desde a Consellería de Economía e Industria” ten facilitado a sinatura deste acordo así como o resto das iniciativas que se están a desenvolver no eido comercial
Guerra lembrou que estas medidas enmárcanse dentro da estratexia de fortalecemento do comercio galego, sostida en dous piares fundamentais como son a elaboración da nova Lei de Comercio e o Plan Ágora-Agora re-Comercia
Reformarase a páxina de comercio electrónico de Galicia para facela máis accesible e funcional, á vez que se desenvolverá un plan de promoción para ampliar o formato do comercio electrónico ao conxunto do tecido comercial galego, tendo moi presentes aos pequenos e medianos comerciantes
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, vén de asinar un convenio de colaboración coa Federación Galega de Comercio que permitirá a posta en marcha dunha campaña que inclúe un programa de dinamización do consumo, a celebración de seminarios e xornadas formativas e informativas para os comerciantes e o desenvolvemento da web do Portal do Comercio Galego.
Guerra explicou que a sinatura deste novo acordo co sector faise ao abeiro do plan integral para a dinamización da actividade comercial Ágora- Agora re-Comercia, que está a coordinar a Dirección Xeral de Comercio. O conselleiro apuntou que “a dinámica de cooperación, propiciada desde a Consellería de Economía e Industria” ten facilitado a celebración deste acordo, así como o resto das iniciativas que se están a desenvolver no eido comercial.
Os principais obxectivos que persegue este acordo, dotado con 605.000 euros, son por unha banda mellorar a formación e información dos comerciantes a través da celebración de preto de 20 seminarios e xornadas para o análise das oportunidades que representa o Plan Ágora e a nova Lei de Comercio de Galicia. Ao mesmo tempo que se mantén unha campaña de dinamización do consumo e desenvolvese a web do Portal do Comercio Galego.
Deste xeito, reformarase a páxina de comercio electrónico de Galicia para facela máis accesible e funcional, á vez que se desenvolverá un plan de promoción da mesma para ampliar o formato do comercio electrónico ao conxunto do tecido comercial galego, tendo moi presentes aos pequenos e medianos comerciantes. Asemade esta iniciativa incluirá unha campaña de posicionamento en Google.
O conselleiro lembrou que estas medidas enmárcanse dentro da estratexia de fortalecemento do comercio galego, sostida en dous piares fundamentais como son a elaboración da nova Lei de Comercio e o Plan Ágora-Agora re-Comercia.
Segundo Guerra, “a nova normativa dota ao sector do comercio galego dun marco legal moderno, estable, equilibrado e seguro”; mentres, “o plan Ágora recolle liñas de actuación coma a creación dunha estrutura administrativa unificada, organizada e descentralizada, a mellora da competitividade, a modernización e adaptabilidade aos cambios ou a formación e profesionalización do sector”.
Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria vén prestando unha especial atención ao pequeno e mediano comercio galego, pois trátase dun eixo estratéxico da economía galega.