Dous programas de televisión por internet afondan na situación do galego e difunden as iniciativas a prol do idioma

Sábado 27 de Novembro de 2010

Dous programas de televisión por internet afondan na situación do galego e difunden as iniciativas a prol do idioma

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou no Culturgal Lingua, cámara, acción e A lingua galega na sociedade

A secretaría xeral promove estes dous proxectos a través da canle Lingua Galega TV, de Acuarela Comunicación

Dous programas de televisión por internet afondan na situación do galego e difunden as iniciativas que se están a levar a cabo a prol do idioma. Trátase de Lingua, cámara, acción e A lingua galega na sociedade, que se emiten a través da canle Lingua Galega TV (www.linguagalega.tv), de Acuarela Comunicación.

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá estes dous programas de televisión que pon en marcha o seu departamento. Fíxoo no marco do Culturgal, acompañado de Xan Leira, de Acuarela Comunicación.

Con estes dous programas, Política Lingüística “quere contribuír a ir construíndo na rede unha fotografía da vitalidade do galego, da situación da lingua nos diferentes ámbitos sociais, das iniciativas emprendidas pola cidadanía e polas propias institucións”, asegurou Anxo Lorenzo. “Ademais –engadiu– este espazo virtual contribúe a situar o galego na contemporaneidade dos medios e facilita a chegada de información a públicos amplos, diversos e mesmo internacionais, que sabemos que tamén seguen con interese a actualidade da nosa lingua”.

Difundir recursos e afondar na situación do galego

En Lingua, cámara, acción e A lingua galega na sociedade irán estando dispoñibles pequenas reportaxes informativas sobre aspectos diversos como as opcións de produtos e recursos tecnolóxicos dispoñibles en galego, a situación da lingua no mercado publicitario, os seus usos por parte das novas formacións musicais e un longo etcétera, que “axudará a difundir e a darlles visibilidade aos recursos existentes en galego e tamén a ofrecer unha perspectiva positiva e, ao mesmo tempo, crítica, coa situación do idioma, coas súas fortalezas e debilidades”, asegurou Anxo Lorenzo.

O programa Lingua, cámara, acción, dedicado á divulgación das acción promovidas desde as institucións públicas, e o programa A lingua galega na sociedade, destinado ás accións de promoción lingüística realizadas desde a propia cidadanía, difúndense a través de Lingua Galega TV. Esta canle de televisión por internet está dedicada integramente á divulgación, promoción e coñecemento do galego. Neste portal posto en marcha por Acuarela Comunicación tamén se difunden, xunto coas canles temáticas de Política Lingüística, outros dous programas: Lembranzas e reflexións e Falemos.

Estes dous programas veñen complementar a oferta informativa e formativa sobre o galego que Política Lingüística ten noutras canles de chegada ao gran público, como é o caso do programa Ben falado!, que busca achegarlle o galego á sociedade de forma áxil e amena.

Actividades para os máis pequenos no Culturgal

Política Lingüística é unha das entidades promotoras de Culturgal 2010. Nesta edición, a secretaría xeral conta cun stand na feira a través do que difunde as principais iniciativas que está a levar a cabo nos diversos sectores sociais.

Ademais da presentación dos programas de televisión Lingua, cámara, acción e A lingua galega na sociedade, Política Lingüística tamén contribúe á programación do Culturgal co espectáculo Tic Tac, que terá lugar mañá a partir das 12:00 horas. Este concerto, a cargo de Pablo Díaz, combina música e ilustración para achegarlles aos máis novos a lingua galega. Trátase dunha obra para ler, ver, escoitar e cantar, pensada tanto para o público infantil como para gozar en familia.

Tamén o domingo, pero xa pola tarde, os máis pequeniños poderán divertirse con Totó, o boneco do programa Os Axóuxeres. Todos os nenos e nenas que queiran saudar a Totó e compartir conversa con el poderán atopalo no stand da Secretaría Xeral de Política Lingüística a partir das 17:30 horas.