Dez empresas TIC galegas presentaron as súas solucións tecnolóxicas no Centro Demostrador TIC de Galicia desde a súa inauguración en xullo

Domingo 16 de Outubro de 2011

Dez empresas TIC galegas presentaron as súas solucións tecnolóxicas no Centro Demostrador TIC de Galicia desde a súa inauguración en xullo

Máis de 120 profesionais dos sectores tecnolóxico, educativo, audiovisual, da automoción e da loxística asistiron ás súas actividades

Na sexta Sesión Demostradora a empresa Ednon presentará as melloras que introduce a virtualización nas organizacións empresariais

As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir

O Centro Demostrador TIC de Galicia acolle o vindeiro 18 de outubro a súa sexta Sesión Demostradora, na que a empresa Ednon presentará as  melloras que introduce a virtualización e consolidación de almacenamento nas organizacións empresariais.

Durante a sesión  “Virtualización e Consolidación de Almacenamento”, Ednon amosará aos asistentes novas estratexias orientadas  a construír de maneira sinxela servidores virtuais e infraestruturas de almacenamento que lles axuden a gañar eficiencia nas súas organizacións empresariais. Ademais, explicarase a utilización de procesos automáticos para xestionar as cargas de traballo nos servidores e as súas aplicacións nun entorno protexido. A demostración incidirá nas vantaxes da virtualización como a mellora da eficiencia operativa, a simplificación das operacións, a redución de custos e a alta escalabilidade.

A sesión, que se celebrará de 10:45 a 14:00 horas da mañá, está dirixida aos profesionais e responsables técnicos das medianas e grandes empresas da Comunidade, tanto do sector público como privado. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).

Demostracións para todos os sectores

Desde a posta en marcha do Centro Demostrador TIC no mes de xullo, 10 empresas TIC galegas presentaron as súas solucións tecnolóxicas no centro e foron máis de 120 profesionais os que se achegaron para participar nas actividades e coñecer as súas instalacións.

As actividades desenvolvidas tiveron na súa maioría un carácter transversal, dirixidas a todos os sectores produtivos de Galicia, aínda que xa se presentaron produtos dirixidos a sectores concretos como Turismo e Docencia.

AÍnda que o 28% das empresas que asistiron pertencen ao sector TIC, tamén estiveron  representados outros sectores como educación (13%), ámbito sanitario (13%), audiovisual (5%), automoción (3%) e transporte e loxística  (3%), entre outros.

CDTIC

O Centro Demostrador TIC de Galicia, inaugurado o pasado 27 de xuño, é unha iniciativa para promover o uso efectivo das TIC nas empresas galegas de cara ao cumprimento dos obxectivos estratéxicos definidos na Axenda Dixital 2014.gal. O obxectivo do CDTIC é  facilitar a incorporación das micropemes e autónomos á Sociedade da Información e facer máis competitivos os sectores estratéxicos de Galicia mediante as incorporacións das TIC aos seus modelos de negocio (automoción, construción naval, enerxía, téxtil).

Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.