Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do Día de Internet

Luns 17 de Maio de 2010

Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración do Día de Internet

Hoxe, día de Internet, o Goberno galego quere celebrar con todos os galegos os avances que achega a Rede e facer balance dos pasos que quedan por dar para non perder o tren da sociedade da Información. A coincidencia coa celebración do Día das Letras Galegas é tamén un bo motivo para lembrar os instrumentos que proporcionan as novas tecnoloxías para impulsar o coñecemento da cultura galega no mundo.

Hoxe, día de Internet, a Xunta de Galicia quere celebrar con todos os galegos os avances que achega a Rede e facer balance dos pasos que quedan por dar para non perder o tren da sociedade da Información. A coincidencia coa celebración do Día das Letras Galegas é tamén un bo motivo para lembrar os instrumentos que proporcionan as novas tecnoloxías para impulsar o coñecemento da cultura galega no mundo.

O concepto de infraestruturas xa non se limita hoxe ao asfalto das autoestradas e outras vías de comunicación senón que se estende á fibra óptica, ás redes sen fíos e ás tecnoloxías de nova xeración que nos permiten acceder desde un terminal a calquera información en calquera punto da xeografía mundial. O despregamento destas infraestruturas é a primeira prioridade da Xunta de Galicia no ámbito das telecomunicacións para asegurar a vertebración dixital do territorio.

Con este obxectivo estase a desenvolver o Plan de Banda Larga 2010-2013 para garantir o acceso á Internet de calidade eliminando barreiras orográficas e interconectando a todos os galegos vivan onde vivan. Os beneficios de Internet non se limitan ás inestimables posibilidades de xerar emprego e novos negocios, xa que como se recolle nas palabras do psiquiatra Luis Rojas Marcos “Internet é positivo porque nos une, nos conecta incluso ás persoas maiores. Estar conectado prolónganos a vida e non so engade anos á vida senón vida aos anos.”

Dende o Goberno galego tense a plena convicción que o acertado das decisións dun país e o seu esforzo inversor en infraestruturas de telecomunicacións determinará a súa capacidade, actual e futura, para competir. Por iso o despregamento da banda larga é só unha parte do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global que está a elaborar a Administración autonómica e que implica actuacións no ámbito das telecomunicacións, a modernización administrativa, a dinamización da sociedade da información e o impulso do sector empresarial das novas tecnoloxías.

O diálogo e a unión de esforzos cos sectores implicados no eido das novas tecnoloxías é unha das liñas estratéxicas que marca a actuación da Xunta para levar adiante estes proxectos. Neste sentido, o Goberno galego ten moi presentes aquelas reivindicacións do sector que redundan en beneficio da riqueza e do avance de Galicia. Así se está a constatar no apoio da Administración autonómica á candidatura de Galicia como futura sede da Axencia Estatal de Radiocomunicacións o que reportaría á Comunidade a xeración de máis de 200 empregos directos e de calidade, potenciaría o desenvolvemento industrial no sector das telecomunicacións e incrementaría os proxectos internacionais de alto carácter tecnolóxico.

Nesta carreira de fondo que supón avanzar á par das esixencias que xera a sociedade da información, a Xunta de Galicia ten moi presentes ás necesidades dos diferentes colectivos sociais, especialmente dos que teñen máis dificultades de acceso ás novas tecnoloxías. Por iso, a formación específica nesta materia, segundo o grao de coñecemento de cada individuo, é unha realidade a través da Red de Centros de Modernización e Innovación Tecnolóxica, presente en 94 concellos, onde profesionais, persoas maiores e outros colectivos teñen acceso ás TIC. Non se trata só de facilitar infraestruturas senón tamén de xerar unha demanda do uso da Rede e de informar das posibilidades e vantaxes que ofrece Internet en todos os ámbitos. Este é o camiño no que se está a avanzar desde a Xunta de Galicia para que todos os galegos teñan un acceso igualitario ás tecnoloxías da información e da comunicación.