David Calle, un dos mellores profesores do mundo, participará o 6 de maio no evento Rapaciñ@s, organizado polo CPEIG e a Amtega
O econtro desenvolverase na Cidade da Cultura cunha charla a cargo do fundador de Unicoos e obradoiros tecnolóxicos destinados ao público infantil
A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro sábado, día 6 de maio, a terceira edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa conxunta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Trátase dun gran evento que combina actividades para pais e nenos ao redor da seguridade na Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías.
A xornada, que se desenvolverá no Edificio CINC, arrincará ás 16.30 horas coa recepción dos asistentes aos obradoiros de robótica educativa, Sploder, Lego e Makey Makey con Scratch, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos de idade. Os talleres contan co apoio das empresas Arkitas Robótica e Tech Academy.
Cómpre levar ordenador para participar nos obradoiros e inscribirse previamente no seguinte formulario: https://www.eventbrite.es/e/entradas-rapacins-2017-33613194971
TOP10 no Global Teacher Prize 2017
Namentres se desenvolven os talleres tecnolóxicos, os pais e nais -ou calquera outra persoa interesada- terán a oportunidade de asistir á charla “Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases”, a cargo de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher Prize 2017. A presentación do relatorio arrincará ás 17.30 horas e correrá a cargo da directora da Amtega, Mar Pereira, e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. A entrada á charla é libre ata que se complete o aforo.
David Calle, enxeñeiro de Sistemas de Telecomunicacións, creou Unicoos.com, organización educativa sen ánimo de lucro e un sitio web, en 2011. Está baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía, principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios.
Con máis de 100 millóns de visitas e máis de 670.000 subscritores, Unicoos é a segunda canle educativa en español en todo o mundo en número de subscritores e a terceira en número de visitas. En Unicoos.com, academia en liña baseada nos vídeos, alumnado de todo o mundo dispón de balde de todo o que precisan para estudar: vídeos, teoría, exercicios resoltos, foros en liña en tempo real e exames de autoavaliación. É, ademais, unha útil ferramenta para que o profesorado cun marcado carácter práctico “flipped classroom”.
Á parte do gran evento previsto para o 6 de maio, o programa Rapaciñ@s percorrerá Galicia nos vindeiros meses con máis de 20 charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas expresamente para eles co obxectivo de que se divirtan e aprendan.