Cultura e Educación promove o vindeiro 27 de setembro no Gaiás a unión entre creatividade e tecnoloxía

Mércores 21 de Agosto de 2013

Cultura e Educación promove o vindeiro 27 de setembro no Gaiás a unión entre creatividade e tecnoloxía

A terceira xornada do ciclo Economía e Cultura achegará ferramentas tecnolóxicas para a construción de novos modelos de traballo e servizos culturais

Baixo o título “Onde a tecnoloxía non o é todo pero é importante. Relacións entre creatividade e tecnoloxía”, o obradoiro conta con 26 prazas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove no Gaiás a unión entre creadores e o mundo das novas tecnoloxías a través da terceira xornada do ciclo Economía e Cultura, que terá lugar o 27 de setembro na Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura.

Tras unha xornada inaugural dedicada ao autoemprego e unha charla con Roberto Gómez de la Iglesia sobre innovación na xestión cultural, o ciclo Economía e Cultura do Gaiás acolle a xornada teórico-práctica Onde a tecnoloxía non o é todo pero é importante. Relacións entre creatividade e tecnoloxía, que analizará o papel das ferramentas tecnolóxicas para a construción de novos modelos de traballo, novos servizos e novos formatos culturais.

A xornada arrancará ás 10 de mañá e contará con relatores como Juan Freire, que disertará sobre como afecta a contorna dixital ao cambio de modelo na cultura; Luz Castro, que presentará distintas experiencias e interseccións entre arte, creatividade e tecnoloxía; ou Tati Mancebo, que achegará algunhas ferramentas para a difusión e comunicación cultural.

Esta terceira xornada abordará no Gaiás outros aspectos como as licenzas, dereitos de autor e propiedade intelectual e mesmo se amosarán ferramentas prácticas para o día a día do xestor cultural da man de Amador Loureiro.

Para finalizar, a Cidade da Cultura celebrará un pecha-kucha de proxectos culturais con base tecnolóxica no que participarán Martín López Nores, da Universidade de Vigo; Guillermo Cordeiro de Tegnix; Fernando Prieto de Gato Salvaje Estudio; Alejandro Lamas de Sixtema e Iago Martínez.

Inscrición xa aberta
Onde a tecnoloxía non o é todo pero é importante. Relacións entre creatividade e tecnoloxía conta cun total de 26 prazas. O custo da matrícula é de 25 euros, 20 no caso de pertencer ao espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’. O prazo de inscrición xa está aberto e é posible anotarse a través da webwww.cidadedacultura.org.

Dúas últimas xornadas
O 25 de outubro terá lugar outra Conversa con… Ana María Llopis de Ideas4all, onde os participantes poderán conversar sobre este espazo no que compartir e madurar ideas, unha plataforma creada coa finalidade de favorecer a intelixencia e coñecementos colectivos.

A clausura destas xornadas Economía e Cultura celebrarase o 29 de novembro co último dos obradoiros que levará por título Fórmulas para o achegamento da creatividade ao mercado exterior: experiencias e técnicas para a internacionalización, onde se amosará por que, como e para que cooperar con axentes doutros países e como dar o salto ao mercado internacional.

No caso dos obradoiros, o prezo de inscrición será de 25 euros mentres que as conversas serán de balde previa reserva en www.cidadedacultura.org.