Cultura e Educación inaugura o IX Curso Audiovisual de Celanova, organizado pola Fundación Carlos Casares en colaboración con política lingüística
Valentín García presentou a iniciativa, que se enmarca no convenio de colaboración en materia de dinamización lingüística asinado pola Consellería e a Fundación
O departamento dirixido por Vázquez Abad apoia, por medio desta colaboración, a realización doutras actividades dinamizadoras arredor da figura de Carlos Casares con motivo do décimo aniversario do seu pasamento
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou o IX Curso de verán de extensión universitaria Crise vs Creatividade, os novos desafíos do audiovisual galego, ofertado pola Universidade de Vigo (UDV) a través da Cátedra Carlos Casares, que se desenvolverá desde hoxe ata o venres no auditorio municipal Ilduara de Celanova.
Canda García Gómez, participaron no acto de presentación da iniciativa formativa o seu director, Miguel Anxo Fernández Fernández; o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño; a vicerreitora de Extensión Universitaria do Campus de Ourense da UDV, María Lameiras Fernández; o profesor de Comunicación Audiovisual da UDV, Paulino Pérez Feijóo, e o director-xerente da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido García.
Esta novena edición do Curso Audiovisual de Celanova enmárcase no convenio de colaboración en materia de dinamización lingüística para o ano 2012 asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Carlos Casares, xunto con outras actividades que ambas entidades se comprometen a levar a cabo conxuntamente coa finalidade de impulsar a lingua galega.
Curso dirixido aos noveis do audiovisual
As tres sesións formativas que conforman o IX Curso de verán de extensión universitaria Crise vs Creatividade, os novos desafíos do audiovisual galego reunirán cualificados especialistas e profesionais do mundo audiovisual para disertar sobre diversas disciplinas relacionadas co sector. O obxectivo non é outro que o de darlles oportunidade aos creadores de presentaren ao público a súa obra e debateren sobre ela, así como potenciar a visibilidade do cine propio nun contexto adverso para a súa difusión no mercado.
O programa do curso inclúe o taller audiovisual “Celanova: plató de ficción”, no que alumnado de Comunicación Audiovisual da UDV e da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) producirán unha curtametraxe de ficción realizada durante o curso, baixo a coordinación de Paulino Pérez Feijóo.
A iniciativa reforza o seu valor por estar dirixido especialmente ao alumnado de Xornalismo, Comunicación Audiovisual e Publicidade con afán formativo e divulgativo, pero tamén ao cidadán interesado por coñecer o estado actual do audiovisual producido e coproducido dende o país.
Convenio de colaboración para dinamizar a lingua
Amais do IX Curso de verán de extensión universitaria Crise vs Creatividade, os novos desafíos do audiovisual galego, a Fundación Carlos Casares desenvolverá durante 2012 -en virtude do convenio de colaboración asinado con Cultura e Educación- outras iniciativas dinamizadoras, entre as que cómpren destacar o programa didáctico Xogo do Papapío (a través do que a Fundación dará a coñecer a vida e a obra de Carlos Casares a estudantes de ensino primario, nun marco interactivo de animación á lectura), exposicións itinerantes, lecturas públicas da obra literaria do escritor ou conferencias arredor del mesmo.
O pasado mes de xuño celebráronse na Cidade da Cultura de Galicia os II Diálogos Literarios do Gaiás, un conxunto de coloquios e relatorios anuais cos que ambas as entidades promoven o diálogo arredor do libro e da literatura galegas, coa finalidade de que autores, editores, críticos literarios e profesores do ámbito ibérico intercambien opinións e experiencias sobre o proceso literario e editorial.
Apoio aos axentes culturais activos na promoción do galego
A Fundación Carlos Casares ten por obxecto difundir, estudar e preservar a vida e a obra do escritor. Entidades culturais coma esta xogan un papel destacado no labor de contribuír á dinamización do uso do galego. Por iso, e co fin de promover a lingua e a literatura galegas desde unha perspectiva transversal e de implicación dos axentes sociais, o departamento que dirixe Vázquez Abad colabora con esta e con outras fundacións que xorden arredor dunha figura senlleira das letras galegas. Tal é o caso da Fundación Rosalía de Castro, da Fundación Vicente Risco, da Fundación Otero Pedrayo ou da Fundación Xosé Neira Vilas.