Cores Tourís subliña que “Pontevedra é a provincia galega con maior cobertura de Internet” grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta
O delegado territorial indicou que, a día de hoxe, todos os concellos da provincia superan o 90% de cobertura, antes do Plan só un concello alcanzaba esta porcentaxe
Máis de 940.000 pontevedreses teñen acceso a Internet e 392.000, a redes de nova xeración con velocidades de ata 100 Mbps
O responsable territorial destacou que ata o remate deste mes de setembro permanecerá aberta a segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite destinadas a fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Mondariz onde, en compaña do alcalde da localidade, Julio Alén, fixo balance da actual situación da cobertura de acceso á rede na provincia de Pontevedra.
Nesta visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Presidencia, Ramón Pereiro.
Segundo apuntou Cores Tourís, o Plan de Banda Larga da Xunta posibilitou que Pontevedra se convertese na provincia galega con maior cobertura de Internet, xa que o 98% dos seus habitantes teñen acceso a Internet cando en 2010 ese porcentaxe era do 78,3%.
Deste xeito, segundo apuntou o delegado territorial, antes do Plan, 206.000 habitantes da provincia non podían acceder a este servizo. “Na actualidade, tódolos concellos da provincia superan o 90% de cobertura poboacional, mentres que antes do plan só un concello acadaba esta porcentaxe de cobertura”, explicou Cores Tourís.
“Adicionalmente, coa participación do Plan de Banda Larga, acadouse en xuño de 2013 que un total de máis de 392.000 pontevedreses con cobertura de redes de nova xeración (NGAs) que permiten velocidades de conexión de 100 Mbps”, engadiu.
“Visitamos este concello hoxe”, explicou Cores Tourís, “porque precisamente Mondariz é un dos concellos da provincia de Pontevedra que lograron un aumento máis significativo da súa cobertura xunto a Dozón, Agolada, Cerdedo, Rodeiro, Covelo, Ponte Caldelas, Forcarei e A Lama”. As actuacións do Plan incrementaron en máis do dobre o número de veciños de Mondariz con acceso á rede. “De feito, o investimento para este fin superou, por parte da Xunta de Galicia, os 263.000 euros e permitiu que a cobertura pasara neste concello do 41% a practicamente o 100% cunha complementación do 2% vía satélite”.
O máximo representante do Executivo galego en Pontevedra dixo que na provincia hai 6.619 núcleos de poboación, dos que xa se cubriron, grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta, máis de 6.400 (un 97,7%%).
Así, subliñou Cores Tourís, “o plan avanza na redución da fenda dixital entre as provincias do interior e as do eixo atlántico, que pasou dun 20% en 2010 a un 2% actualmente”.
O plan, que se puxo en marcha en 2010, é un plan a catro anos que se desenvolve de xeito progresivo nos núcleos da comunidade galega sen cobertura, nos que cuestións como a dispersión poboacional ou a orografía dificultan os despregamentos. De aí que, nalgúns concellos haxa zonas nas que xa se completaron as actuacións e noutras nas que se completarán ao longo deste ano e con cobertura vía satélite durante 2014.
O plan está a impulsar o despregamento de redes fixas e sen fíos “e conta cun programa de axudas para a conexión vía satélite para aquelas zonas nas que non é posible facilitar o acceso a Internet con ningunha outra tecnoloxía”. Estas medidas están destinadas a dotar de cobertura a todos os galegos. Pero ademais o plan ten outro obxectivo que é impulsar a implantación na comunidade de redes de Nova Xeración (NGAs) con ata 100 Mbps de velocidade.
Conexión vía satélite para as zonas máis illadas da comunidade
Para as zonas máis illadas da comunidade, nas que non é posible o acceso a Internet mediante outra tecnoloxía o plan conta cun programa de axudas para a conexión vía satélite. “Está aberta a segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite por parte de fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura de toda a comunidade, que poderán solicitar estas achegas ata o próximo 30 de setembro”, enfatizou o delegado territorial.
O programa conta este ano “cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a arredor de 2.000 fogares e pemes que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía”.
O investimento total das axudas na comunidade é de 1.077.000 euros ata 2014 para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas galegas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.
Beneficiarios e importe das axudas
Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación, así como o custo do equipamento no interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.
As entidades colaboradoras ofrecen servizos de Internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.
As axudas tramitaranse a través de 4 empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-2014).
| EMPRESA | CONTACTO |
| Duo Telecom | web : www.duoteleco.es Telf: 900 373 514 e 986 866 658 correo electrónico: info@duoteleco.es |
| Quantis | web : http://www.quantis.es e http://www.bandalarga.es/ Telf: 900 102 504 |
| Eurona | web: www.eurona.es e http://www.eurona.net/Galicia/ Telf: 900 84 84 04 e 901 444 888 fax: 93 467 05 20 correo electrónico: soporte-operador@eurona.net |
| Terrachá Technology | web : www.terrachatechnology.es Telf: 800 00 77 03 correo electrónico: terrachatechnology@gmail.com |
Redes de 100 Mbps
Ademais de dotar de acceso a Internet a todos os galegos, outro dos obxectivos do Plan é impulsar a implantación de redes NGAs, que permiten velocidades de ata 100Mbps.
Cómpre destacar que Galicia é das primeiras comunidades da Unión Europea en incentivar a extensión deste tipo de redes. O plan permitiu que, ata finais de 2012, sexan xa máis de 1,1 millón os galegos que teñen acceso a estas redes máis punteiras.
Punto de partida e orzamento
Tras un exhaustivo estudio sobre a cobertura de banda larga na comunidade, a Xunta detecta que en 2010, só o 71% da poboación tiña cobertura de Internet e que a banda larga non chegaba a todos centros de servizos públicos nin a todos os polígonos industriais. Para reverter esta situación promoveuse o Plan de Banda Larga, con seis actuacións, todas en marcha hoxe, e que conta cunha dotación pública-privada de máis de 237 millóns de euros.
Para consultar os avances do plan, cidadáns e empresas teñen a súa disposición a aplicación rede http://cobertura-pdbl.xunta.es, na que poden coñecer os avances do plan no seu núcleo de poboación e tamén se poden informar na oficina de banda larga oficina.bandalarga@xunta.es e no teléfono 981 95 78 68.