Continúan as actividades organizadas pola Secretaría Xeral de Medios para conmemorar os 25 anos da Compañía de Radio Televisión de Galicia na Rede CeMIT
Coñecidos persoeiros da televisión e da radio autonómicas están a visitar as aulas da Rede CeMIT das sete principais cidades galegas para charlar co público sobre a súa traxectoria
Segue aberto o prazo para participar nos concursos “As mellores frases da dobraxe na Galega” e “Que está a pasar nas aulas da Rede CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG”, cuxas bases poden atoparse nas webs da compañía, www.crtvg.es, e do Centro Multimedia de Galicia (www.cmg.xunta.es)
A Secretaría Xeral de Medios continúa a celebrar as actividades conmemorativas do 25º aniversario da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) nas aulas da Rede CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) das sete grandes cidades galegas. Visitas de coñecidos persoeiros, cursos de animación con plastilina destinados a rapaces de educación secundaria, emisión das actividades en directo a través de internet, concursos a través da rede social Twitter e exposicións temporais nas distintas aulas son algunhas das iniciativas que se están a desenvolver.
Así, o presentador do Telexornal do serán, Alfonso Hermida, visitará o próximo xoves a aula do Centro Social Lamas de Prado, en Lugo, mentres que o reporteiro da Radio Galega Alberto Rivero conectará o mércores en directo co programa da mesma emisora “Galicia por diante” desde a aula da Rede CeMIT de Pontevedra, ubicada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Asemade, Beatriz Hervella e Martín Barreiro, as facianas do tempo na TVG, farán o propio o luns 10 desde a aula do Concello vigués.
Todos eles únense a outros persoeiros como o presentador do “Luar”, Xosé Ramón Gayoso; o condutor do espazo “Cifras e letras”, Paco Lodeiro; o histórico locutor da RG Luís Rial ou o “home do tempo” da Galega, Santiago Pemán, que xa teñen pasado polas aulas da Rede CeMIT desde o inicio desta conmemoración. O popular Xabarín, mascota do programa da TVG do mesmo nome, súmase tamén a esta celebración para ledicia dos máis pequenos, que poderán charlar con el en persoa desde as aulas de Lugo, Pontevedra e Vigo os vindeiros 18, 20 e 21 de maio.
Por outra banda, a aula da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago e a do Concello de Vigo acollerán martes e venres da vindeira semana, respectivamente, un curso no que se explicarán as técnicas de animación con plastilina (stop-motion) a rapaces de entre 14 e 18 anos, mentres que a seguinte semana tocaralle o turno á aula de Ourense (Rúa do Progreso).
Durante o curso, cada aula contribuirá á animación dun personaxe famoso da CRTVG, dando lugar a unha peza final co personaxe animado (montaxe do alumnado das sete aulas CeMIT participantes). O grupo que realice a animación de maior calidade recibirá como premio unha videocámara dixital con tarxeta de memoria.
Concursos a través de twitter
Ademais, a Secretaría Xeral de Medios lembra que ata o próximo 21 de maio estará aberto o prazo para participar nos concursos “As grandes frases da dobraxe da Galega” e “Que está a pasar nas aulas da Rede CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG”, cuxas bases poden atoparse na páxina web da CRTVG (www.crtvg.es) e do Centro Multimedia de Galicia (www.cmg.xunta.es). Cada un dos concursos contará con tres gañadores, que recibirán diferentes premios, como reprodutores blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.
Á marxe de todas estas actividades, os que se acheguen nestes días ás distintas aulas da Rede CeMIT de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Ferrol e Pontevedra poderán coñecer máis de preto a historia e as curiosidades da Compañía de Radio Televisión de Galicia a través dunha exposición fotográfica que estará aberta ao público ata o 21 de maio.