Conde subliña que as TICs desenvolven un papel clave para o futuro industrial de Galicia

Mércores 05 de Novembro de 2014

Conde subliña que as TICs desenvolven un papel clave para o futuro industrial de Galicia

O conselleiro de Economía e Industria salientou no encontro do Consello territorial de Ametic que un sector TIC forte é fundamental para lograr a Industria 4.0, achegando as solucións dixitais necesarias.

Destaca que a través dos programas Conecta Pemes e Innterconecta se están a apoiar 46 proxectos de vangarda no eido das tecnoloxías da información e a comunicación, mobilizando preto de 90 millóns.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no encontro do Consello Territorial de Galicia de Ametic (Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da información, Telecomunicacións e contidos dixitais), a importancia estratéxica que terán as TICs no futuro industrial de Galicia, e que queda reflectida tanto na Axenda da Competitividade Industrial de Galicia que está a elaborar o Goberno galego como na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

Tal e como lembrou o conselleiro na reunión, o papel das TICs é fundamental nos tres retos que se marca esta folla de ruta que guiará o investimento de 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020 na comunidade, a través do uso das nanotecnoloxías, da aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación á saúde e ao envellecemento activo, ou na consecución da fábrica intelixente.

Neste eido, apuntou o conselleiro que o concepto de fábrica intelixente debe ser a resposta ao reto de renovar e fortalecer a industria galega, apuntando que para iso é imprescindible un sector TIC forte, maduro, creativo e innovador que achegue as solucións dixitais necesarias para lograr a Industria 4.0.

Sinalou así mesmo o responsable de Economía e Industria que os fondos europeos canalizados pola RIS3 son unha oportunidade histórica para innovar e gañar competitividade, e apuntou tamén no marco da Estratexia de Especialización Intelixente, a potenciación da compra innovadora como unha oportunidade para o sector TIC galego.

Conde, que apuntou tamén á necesidade de apostar pola innovación aberta, destacando a necesidade de colaborar para desenvolver proxectos de calado, destacou que a través dos programas Conecta Pemes e Innterconecta se están a apoiar 46 proxectos de vangarda no eido das TICS, mobilizando preto de 90 millóns de euros.