Conde sinala en Monforte a importancia de apostar polos profesionais en tecnoloxías dixitais para competir no mercado internacional

Venres 15 de Setembro de 2017

Conde sinala en Monforte a importancia de apostar polos profesionais en tecnoloxías dixitais para competir no mercado internacional

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe, con motivo da inauguración do curso escolar, aos alumnos e alumnas do IES Francisco Daviña Rey, en Monforte de Lemos, un centro punteiro con titulacións cun compoñente tecnolóxico importante.

Conde sinalou que o futuro dos novos traballadores estará centrado nun novo modelo de traballo, a Industria 4.0, polo que destacou a importancia de apostar por profesionais cualificados en tecnoloxías dixitais para competir no mercado internacional. Así, animou aos estudantes a seguir formándose nas novas tecnoloxías, ao tempo que avogou pola FP Dual, un tipo de formación profesional na que os alumnos e alumnas realizan prácticas remuneradas en empresas desde que comezan os seus estudos.

No IES Francisco Daviña Rey impártese este ano por primeira vez o Ciclo Superior de Educación Infantil, que se une a outras titulacións como son o grao medio de instalacións eléctricas e automáticas e de electromecánica de vehículos e automóbiles; ou o grao superior de sistemas de telecomunicacións e informática.