Conde salienta na Noite das Telecomunicacións o papel clave das TIC para impulsar a competitividade das empresas do sector sanitario

Venres 24 de Outubro de 2014

Conde salienta na Noite das Telecomunicacións o papel clave das TIC para impulsar a competitividade das empresas do sector sanitario

O conselleiro de Economía e Industria participou no evento anual do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, dedicado á relación entre saúde e tecnoloxía e que premiou a Gil Bernárdez Matovelle como enxeñeiro do ano.

Destaca que a Estratexia de Especialización Intelixente, que mobilizará 1.600 millóns de euros ata 2020, ten entre os seus retos clave o uso das TIC para impulsar o envellecemento activo.

Resalta que o Goberno galego impulsará a compra pública innovadora para apoiar o financiamento das compañías.

Subliña o compromiso da Xunta coa innovación tecnolóxico-sanitaria do sector privado, a través das unidades mixtas ou os programas Conecta Pemes e Interconnecta, que mobilizan 35 millóns de euros en apoio do sector.

 O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a Noite das Telecomunicacións de Galicia, o papel clave das tecnoloxías da información e das comunicacións para impulsar a competitividade das empresas galegas do sector sanitario. Conde participou no evento anual organizado polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, que se desenvolveu no Gran Hotel da Toxa, e dedicado nesta edición á relación entre sociedade dixital e saúde e que premiou a Gil Bernárdez Matovelle como enxeñeiro do ano.

Conde resaltou que “o traballo en rede, os avances tecnolóxicos e a xestión dunha información masiva abren as portas dunha nova era para a saúde” con potencial para impulsar a creación riqueza e emprego.

Para aproveitar esta oportunidade, apuntou, o Goberno galego está a impulsar os proxectos innovadores de compañías do sector, a través e varios instrumentos de innovación aberta como as unidades mixtas de investigación, con dúas iniciativas clave no eido da saúde que mobilizan 5 millóns d euros; os programas Conecta Pemes e Innterconecta, que están a apoiar 16 proxectos de vangarda do eido das TIC aplicadas á saúde, mobilizando preto de 30 millóns de euros; ou o traballo que a Consellería de Economía e Industria está a facer a través da capacidade de supercomputación do Cesga, prestando apoio a iniciativas no eido da xenética, a farmacoloxía ou o diagnóstico por imaxe.

O conselleiro resaltou que “a mostra máis clara” da convicción do Goberno galego da necesidade de impulsar ao sector é a Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS3, que será o documento que guiará o investimento de 1.600M€ en proxectos innovadores ata 2020 na nosa comunidade. Este “mapa do futuro de Galicia”, subliñou Conde, ten como un dos seus tres grandes retos a aplicación das TIC á saúde para mellorar a calidade de vida e impulsar o envellecemento activo. Parte do apoio que a Xunta prestará ao sector a través da RIS3 implementarase mediante a saúde será a compra pública innovadora.

“Partimos dunha situación de privilexio con experiencias como a do Sergas, que ten acadado unha posición de liderado nacional ao que se sumará, desde este mesmo ano e ata 2020, a Axencia Galega de Innovación, co obxectivo de potenciar a transferencia de coñecemento ao mercado, e aliñar a compra innovadora cos obxectivos empresariais, industriais e tecnolóxicos de Galicia”, avanzou Conde.

Deste modo, resaltou o conselleiro, a compra pública de tecnoloxía innovadora e a compra pública precomercial permitirán ás empresas do sector TIC acadar financiamento para os seus proxectos, e contratar cun gran cliente, a administración, que estabilice a súa actividade e lle sirva de tarxeta de presentación para expandir o seu mercado.