Conde mantén a primeira reunión de traballo con responsables de Indra e Inaer de cara á sinatura en abril do contrato para a posta en marcha do polo de avións non tripulados

Xoves 03 de Marzo de 2016

Conde mantén a primeira reunión de traballo con responsables de Indra e Inaer de cara á sinatura en abril do contrato para a posta en marcha do polo de avións non tripulados

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na primeira reunión do grupo de traballo do polo tecnolóxico e industrial de Rozas, na que tomaron parte executivos de Indra e Inaer e da súa matriz, Babcock.

O encontro, que se produce tralo anuncio do presidente do pasado xoves, é o punto de partida para definir o contrato que asinarán as partes.

O documento recollerá os prazos e actuacións concretos para a posta en marcha de cada un dos compromisos asumidos por ambas multinacionais.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta asinará en abril o contrato con Indra e Inaer para a posta en marcha do polo de avións non tripulados. Conde participou na primeira reunión do grupo de traballo do polo tecnolóxico e industrial de Rozas, que reuniu na sede da Axencia Galega de Innovación a membros da consellería, xunto a executivos de Inaer e a súa matriz, Babcock, incluíndo aos responsables de UAVs e de I+D; así como a responsables de Indra, entre eles o director de Innovación e o xerente de Vehículos Aéreos. “Nos poñemos a traballar para poñer en marcha esta alianza entre Inaer, Indra e a Xunta”, sinalou o conselleiro.

Este encontro, que se produce tan só uns días despois de elixir a Indra e Inaer como socios da Xunta no polo de avións non tripulados, é o punto de partida para empezar a definir o contrato que a Xunta asinará con Indra e con Inaer, e no que quedarán plasmados por unha parte, todos os compromisos que ambas empresas fixeron explícitos na oferta conxunta que presentaron ao proceso; e, por outra, o calendario desas actuacións.

Neste senso, Conde sinalou que no contrato se especificará, de forma concreta, cada un dos prazos asociados a eses compromisos. Desta maneira, sinalou o conselleiro, os 115 millóns de euros asociados á contratación de Indra e Inaer comezará a investirse de inmediato, sumándose aos 10 millóns que xa se están a investir co INTA e co Ministerio de Economía no aeródromo, e aos 20 millóns que a Xunta licitará este ano para a compra pública innovadora de tecnoloxía relacionada co sector.

Conde resaltou a alianza da Xunta con Inaer e Indra como un acordo para crear unha nova industria con vocación de permanencia en Galicia, que xerará 600 empregos e se ramificará por toda a comunidade, contratando con 18 empresas, a maioría galegas, e centros de coñecemento; e atraíndo a Galicia a tres das empresas participantes que non son galegas e creando outras tres filiais. Ambas compañías, ademais, se teñen comprometido a trasladar a Galicia toda a súa actividade de UAVs, poñer en marcha dúas fábricas, instalar centros de mantemento e unha oficina de deseño e certificación; crear unha unidade de instrución e formación de pilotos e outra de de operadores de sensores, e instalar un centro de control de tráfico aéreo, así como unha incubadora de empresas.

O proxecto busca, desta maneira, fixar tecido industrial no interior de Galicia, atraíndo a uns socios tractores que arrastren a produción e a innovación das pemes galegas, configurando un polo industrial de referencia no sector que sexa quen de crear emprego de calidade, de forma sostible.