Comezan os cursos de especialización en orientación laboral impulsados por Traballo en colaboración co CIXUG
Os participantes obterán o título de experto universitario, acreditado pola Universidade da Coruña.
Trátase do cuarto ano no que se celebran estas actividades formativas, que se desenvolverán no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia de Santiago.
Hoxe dan comezo os cursos de especialización en orientación laboral que impulsa e financia a Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Consorcio universitario - CIXUG.
En concreto, hoxe iníciase tanto o curso ponte para o acceso ao título de posgrao de especialización en orientación laboral como o curso de posgrao propiamente. Trátase do cuarto ano no que se celebran este tipo de actividades formativas.
O curso ponte prolongarase ata o 5 de setembro, mentres que o curso de posgrao finalizará o 24 de outubro. Ambas actividades están xestionadas este ano como títulos propios da Universidade da Coruña e permitirán aos seus participantes acceder ao título de experto universitario en orientación laboral.
O modelo de ensino combina a teleformación coas sesións presenciais, que terán lugar no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia os venres pola tarde e os sábados pola mañá.
O obxectivo é formar a profesionais que queiran desenvolver a súa actividade no eido da orientación laboral e no apoio ás persoas que están na procura de emprego.