Ciberseguridade e intelixencia artificial centran a VII Xornada de Informática Xudicial, organizada polo CPETIG e a Amtega

Luns 18 de Setembro de 2017

Ciberseguridade e intelixencia artificial centran a VII Xornada de Informática Xudicial, organizada polo CPETIG e a Amtega

Terá lugar o día 4 de outubro na Cidade da Cultura, coa participación de relatores expertos do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado

A intelixencia artificial e a ciberseguridade serán o fío condutor do programa da VII Xornada de Informática Xudicial que terá lugar o vindeiro 4 de outubro na Cidade da Cultura, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.

A edición deste ano, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial, adopta o nome propio de #IURISTICGAL17, co que a organización quere singularizar este evento, xa moi consolidado, e situar a Galicia no liderado do debate sobre a necesaria complementariedade entre a informática e a xustiza.

A xornada reunirá a un panel de relatores expertos do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei. Esta complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requirimentos.

O xuíz robot

A intelixencia artificial na interpretación e na aplicación da lei, mediante un xuíz robot, será o tema de apertura da VII Xornada de Informática Xudicial, cun relatorio ofrecido por Alejandro Sánchez del Campo Redonet, regulatory counsel en Telefónica Digital.

Despois, Ofelia Tejerina, avogada da Asociación de Internautas e membro do Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, exporá un relatorio sobre privacidade e dereitos fundamentais.

A ciberseguridade e a peritaxe informática centrarán o terceiro dos relatorios, ofrecido por Pilar Vila, perita informática en Forensic &Security, seguido dunha mesa redonda sobre ‘Privacidade e xustiza ante un mundo plenamente dixital’, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.

A sesión de tarde comezará coa exposición de Juan Antonio Frago, fiscal do Grupo de Delitos Económicos en A Coruña, titulada ‘e-Xustiza, mito ou realidade”, para dar paso despois a Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica, UIT, da Policía Nacional, que exporá o relatorio titulado ‘A ciberdelincuencia desde o outro punto de vista’.

#IURISTICGAL17 rematará cunha mesa redonda sobre ‘Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria’ na que actuará como relator e moderador Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional.

Inscrición anticipada ata o 24 de setembro

Para favorecer a asistencia a #IURISTICGAl17 nunhas condicións vantaxosas, hai establecido un prazo de inscrición anticipada ata o vindeiro 24 de setembro, tanto para público xeral como para entidades colaboradoras e persoas asistentes a anteriores edicións. Máis información e inscricións en http://iuristicgal.cpetig.org