Cento dez escolares de Ferrol coñeceron hoxe en persoa ao popular Xabarín da CRTVG

Luns 28 de Xuño de 2010

Cento dez escolares de Ferrol coñeceron hoxe en persoa ao popular Xabarín da CRTVG

Esta actividade forma parte das iniciativas organizadas pola Secretaría Xeral de Medios para conmemorar os 25 primeiros anos da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG)

A conmemoración inclúe tamén concursos a través da rede social Twitter, como “As mellores frases da dobraxe na Galega” cuxas bases de participación poden atoparse na web do Centro Multimedia de Galicia (www.cmg.xunta.es) así como na da CRTVG (www.crtvg.es)

Os interesados en participar neste concurso poden propoñer as súas frases ata este venres

Cento dez rapaces e rapazas de Ferrol tiveron a oportunidade de coñecer en persoa ao Xabarín, mascota do programa da Televisión de Galicia do mesmo nome, que visitou hoxe a aula da Rede CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia) da cidade, situada na Praza de España.

Esta actividade enmárcase dentro das iniciativas organizadas conxuntamente pola Secretaría Xeral de Medios e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), para conmemorar o 25º aniversario do ente autonómico na Rede CeMIT.

O Xabarín únese así á serie de personaxes populares da radio e da televisión de Galicia que pasaron xa polas aulas da Rede CeMIT, como o emblemático “home do tempo” da Galega, Santiago Pemán; o presentador do programa de variedades Luar, Xosé Ramón Gayoso; ou o histórico locutor da Radio Galega Luís Rial.

Sen embargo, as visitas de coñecidos persoeiros da compañía son só unha pequena parte das múltiples actividades previstas para celebrar o primeiro cuarto de século da entidade. Así, estanse a celebrar varios concursos a través da rede social Twitter, encamiñados a facer partícipe deste acontecemento a toda a sociedade, e de potenciar, ao mesmo tempo, o uso das novas tecnoloxías. Trátase dos certames “Que esta a pasar nas aulas da Rede CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG” e “As mellores frases da dobraxe na Galega”, cuxas bases poden atoparse na páxina web do Centro Multimedia de Galicia (www.cmg.xunta.es) ou na da CRTVG (www.crtvg.es). Os interesados en participar aínda están a tempo de propoñer as súas frases favoritas da dobraxe da Galega ata este venres, que remata o prazo.

Cada un dos concursos contará con tres gañadores e entre os premios destacan reprodutores blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.