Celanova conta dende hoxe con un aula multimedia para achegar as novas tecnoloxías á poboación deste concello
Este centro, ubicado no Mosteiro de San Salvador, integrarase próximamente na rede de aulas CeMIT e supuxo un investimento de 120.000 por parte da Xunta de Galicia
O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, e mailo alcalde de Celanova, Antonio Mouriño Villar, inauguraron hoxe o telecentro de comunicación do municipio (ubicado no Mosteiro de San Salvador) co que se pretende achegar aos veciños as tecnoloxías da información e a comunicación, convertendo este aula multimedia nun espazo apropiado para familiarizar á cidadanía coas novas canles e soportes audiovisuais de comunicación. Desde Betanzos, a través de videconferencia, a alcaldesa do municipio, Mª Dolores Faraldo Botana, deu a benvida ao concello de Celanova á rede de Telecentros da Xunta de Galicia.
A Secretaría Xeral de Medios colabora coa dotación e instalación dos equipos audiovisuais e multimedia, así como co seu mantemento tecnolóxico. Ademais, incorpora ao concello á Rede da Xunta de Galicia, para que se beneficien do traballo colaborativo en rede e da comunidade virtual. O investimento da Secretaría Xeral de Medios para a posta en marcha dese telecentro de comunicación foi de 120.000 Euros.
O telecentro, inaugurado hoxe en Celanova, integrarase proximamente na Rede CeMIT (Centros de Modernización e Inclusión Tecnolóxica) da Xunta de Galicia.
Ademais de dotar as aulas do equipamento axeitado (no caso de Celanova 15 terminais de ordenador conectados en rede mediante sistema avanzado de videoconferencia), a Xunta de Galicia busca que as aulas multimedia se convertan nun punto de encontro dentro do concello e nunha alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía. Asociacións e colectivos de todo tipo poden utilizar este aula para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais, conferencias, etc...
Unha aula multimedia é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc.), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia) dependendo das necesidades técnicas das accións a desenvolver.