Benestar organiza a partir do luns tres xornadas informativas sobre os sistemas de teleasistencia avanzada que está a promover

Sábado 01 de Xuño de 2013

Benestar organiza a partir do luns tres xornadas informativas sobre os sistemas de teleasistencia avanzada que está a promover

Trátanse de tres showrooms sobre avances TIC en materia de servizos sociais que forman parte do proxecto europeo Envellecemento + Activo

A iniciativa terá lugar o luns en Santiago, o martes en Vigo e o mércores na Coruña

Presentaranse os sistema Miavizor, o de telexerontoloxía e o de atención ao maior a través da TV (SAM-TV)

A Consellería de Traballo e Benestar organizará a partir do luns diversos showrooms sobre avances TIC en materia de servizos sociais que consistirán na realización de tres xornadas informativas/demostrativas sobre os sistemas de teleasistencia avanzada e teleprevención que está a promover. A actividade celebrarase o luns en Santiago, no edificio administrativo de San Caetano; o martes en Vigo, na delegación territorial da Xunta; e o mércores na Coruña, no edificio administrativo de Monelos.

Esta iniciativa está deseñada con carácter eminentemente práctico e demostrativo no que as tres universidades galegas presentarán os sistemas de Miavizor, telexerontoloxía e o de atención ao maior a través da TV (SAM-TV).

A actividade pretende ser un novo paso no achegamento e maior coñecemento destes novos sistemas por parte de profesionais do ámbito sociosanitario, das persoas maiores e das súas familias, así como dos futuros profesionais do sector. A iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar enmárcase no proxecto europeo Envellecemento + Activo, financiado con fondos FEDER ao abeiro da segunda convocatoria do POCTEP 2007-2013.

Os tres sistemas
A Universidade de Santiago presentará o sistema Miavizor, unha ferramenta de teleprevención sociosanitaria que permite analizar a rutina da vida diaria das persoas usuarias, xerando patróns de conduta e que, ademais, permite avisar ante situacións de alerta.

O sistema de telexerontoloxía será presentado pola Universidade da Coruña. Este sistema permite que un equipo de persoas expertas atenda calquera tipo de incidencia ou consulta, e ofrece servizos como a teleestimulación cognitiva ou a rehabilitación por vídeo.

Por último, a Universidade de Vigo será a encargada de dar a coñecer o sistema de atención ao maior a través da TV (SAM-TV). Este servizo consiste nunha plataforma de axuda á dependencia a través da televisión do fogar e mediante un sistema de administración vía web. A través desta ferramenta, o usuario benefíciase dunha serie de aplicacións, como por exemplo, un calendario de eventos con alarmas asociadas para recordatorios a través da pantalla do televisor.

Galicia vai contar con 5.760 dispositivos de teleasistencia e 200 de xeolocalización, cando en 2009 había 3.500. Isto quere dicir que en catro anos incrementouse nun 70% o número de dispositivos.