Benestar e o Valedor lanzan un cómic para fomentar o bo uso de Internet e das redes sociais entre a mocidade
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na presentación desta iniciativa e lembrou que as novas tecnoloxías ofrecen grandes posibilidades e vantaxes, pero tamén certos perigos
Para contribuír a facer fronte a estes posibles riscos, a través dos Centros ‘Quérote Máis’, lévanse a cabo diferentes iniciativas coa colaboración e asesoramento do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil e a Policía Nacional
No curso 2012/2013 impartíronse obradoiros sobre o uso seguro das novas tecnoloxías de comunicación en máis de 120 centros de ensino de toda Galicia para preto de 5.000 mozos e mozas
De xeito complementario, impartíronse 37 obradoiros acerca do uso correcto das tecnoloxías da información, que incluíron formación con familias, actividades solicitadas por asociacións e concellos, e obradoiros específicos para persoas con diversidade funcional, con preto de 1.000 beneficiarios
A Consellería de Traballo e Benestar vén de colaborar co Valedor do Pobo no lanzamento dun cómic que pretende fomentar o bo uso de Internet e as redes sociais entre a mocidade galega de forma “sinxela, directa e accesible”. A tirada da primeira edición será de 30.000 exemplares que se distribuirán en centros educativos de Educación Secundaria.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na presentación desta iniciativa e lembrou que as novas tecnoloxías ofrecen grandes posibilidades e vantaxes, pero tamén agochan perigos como poñer información privada ao alcance de moitas persoas, o que pode derivar no ciberacoso ou ciberbullying.
Mato indicou que, para contribuír a facer fronte a estes perigos, a través dos Centros ‘Quérote Máis’, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, lévanse a cabo diferentes iniciativas coa colaboración e asesoramento do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil e a Policía Nacional.
Por exemplo, no curso 2012/2013 impartíronse obradoiros sobre o uso seguro das novas tecnoloxías de comunicación en máis de 120 centros de ensino de toda Galicia para preto de 5.000 mozos e mozas.
De xeito complementario, impartíronse 37 obradoiros acerca do uso correcto das tecnoloxías da información, que incluíron formación con familias, actividades solicitadas por asociacións e concellos, e obradoiros específicos para persoas con diversidade funcional, con preto de 1.000 beneficiarios.
A titular de Benestar explicou que o ciberacoso é unha das cinco temáticas que actualmente abordan os centros ‘Quérote Máis’, xunto coa sexualidade, a afectividade, a autoestima e a prevención do consumo de substancias nocivas.
No pasado ano os técnicos destes centros atenderon as dúbidas e consultas de máis de 11.000 mozos, tanto a nivel persoal –nalgunha das 18 localidades nas que están presentes os profesionais deste servizo– como a través do teléfono ou Internet. Ademais, realizáronse 1.300 intervencións en centros de secundaria, asociacións xuvenís e outras entidades. Nelas achegouse información especializada a 30.000 mozos e mozas.