Benestar da un novo pulo á web de escolas infantís, que rexistrou nos últimos catro meses preto de 75.000 visitas

Sábado 06 de Febreiro de 2010

Benestar da un novo pulo á web de escolas infantís, que rexistrou nos últimos catro meses preto de 75.000 visitas

A páxina tivo entre setembro de 2009 e finais de xaneiro de 2010 unha media de preto de 700 visitas ao día. A web www.escolasinfantís.net oferta as últimas novas e información xeral sobre listas de admitidos e período de matriculacións, entre outros contidos. O portal incluirá en próximas datas máis novidades como un comedor virtual e unha carpeta que incluirá os traballos que desenvolven os cativos nas escolas.

A páxina web de escolas infantís. www.escolasinfantís.net, á que a Xunta está a darlle un pulo, rexistrou nos últimos catro meses, entre setembro de 2009 e finais de xaneiro de 2010, preto de 75.000 visitas de usuarios diferentes. A media de visitas á páxina foi de 700 ao día.

A páxina ofrece unha información variada e actual da rede de escolas infantís da Administración autonómica.

Desta forma, a web, ademais de ofertar as últimas novas e información xeral sobre listas de admitidos e períodos de matriculacións, www.escolasinfantís.net responde ás dúbidas máis frecuentes dos usuarios. Así, por exemplo, existe un apartado no que se explica aos visitantes como crear o seu propio blog. De feito, na web están colgados un total de 99 blogs de centros e 165 persoais.

Os contidos creados polos usuarios son diversas publicacións, que suman 4.500, e existen case 2.700 comentarios a estas publicacións. Esta cifra pon de manifesto a rede que se crea cos blogs, xa que segundo diversos analistas por cada comentario, unha publicación rexistra entre 30 e 50 lectores distintos. De feito, o departamento autonómico destacou que as publicacións nos blogs son moi seguidos polos pais e nais e polos educadores dos centros.

Así mesmo, a web mostra 20.000 fotografías e uns 370 vídeos, ademais de 80 cancións e 380 presentacións.

No que se refire aos aspectos máis tecnolóxicos, a web conta con 100 GB de tráfico mensual, cen veces máis que no ano 2007.

Con este proxecto o que pretende Traballo e Benestar é integrar nas escolas infantís as novas tecnoloxías da información e comunicación.

En próximas datas, o departamento autonómico seguirá a incluír novidades no portal entre as que destacarán a promoción do uso do comedor virtual por parte dos pais e nais co envío de receitas o visitas aos menús escolares; o fomento da creación de novos recursos para os nenos e nenas a través de ferramentas pedagóxicas que, ademais dos propios educadores poidan utilizar os pais e nais; e a posta en marcha do ‘portfolio’, unha carpeta que incluirá os traballos dos cativos para que os seus pais podan velos na web.