Benestar colabora con Cruz Vermella para respaldar as accións de apoio ás persoas sen teito
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a directora da Amtega, Mar Pereira, participaron hoxe na presentación da web ‘Agora + que nunca’
Beatriz Mato afirmou que Benestar blindará a súa aportación ao proxecto Sen Teito de atención ás persoas sen fogar ao que a Xunta destinará 150.000 euros en 2013
Tamén se garante a continuidade do programa de acollemento familiar de atención temporal a menores en situación de desamparo ou desproteción, cunha inversión de 300.000 euros neste ano
Lembrou o apoio da Xunta á inclusión e indicou que o departamento autonómico aumentou o orzamento da RISGA para este ano nun 38% pasando dos 23,7 millóns en 2012 ata os 32,7 deste ano
Mar Pereira salientou que a Amtega contribuirá a difundir a web ‘Agora + que nunca’ a través do Programa de Voluntariado Dixital e das 98 aulas públicas para a formación dixital da Rede CeMIT, dependentes da Axencia
A Consellería de Traballo e Benestar seguirá a colaborar ao longo de 2013 con Cruz Vermella para respaldar as accións de apoio ás persoas sen teito. De feito, o departamento autonómico blindará este ano a súa achega ao proxecto Sen Teito de atención ás persoas sen fogar, con preto de 1.200 beneficiarios anuais, e ao que a Xunta destinará 150.000 euros.
Así o indicou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na presentación da web ‘Agora + que nunca’, unha iniciativa nacida directamente do Programa Comparte, subvencionado polo departamento autonómico cun total de 16.000 euros. O acto contou tamén coa presenza da directora da Amtega, Mar Pereira.
A área que dirixe Beatriz Mato destinou máis de dez millóns de euros a pasada lexislatura ao desenvolvemento de varias liñas de colaboración con Cruz Vermella. Un apoio que en 2012 chegou ata os 3,2 millóns de euros e que se manterá nesta nova etapa con iniciativas como o programa de acollemento familiar de atención temporal a menores en situación de desamparo ou desprotección, que contou con 230 beneficiarios en 2012 e no que se investirán 300.000 euros en 2013.
Doutra banda, Mato lembrou o apoio da Xunta á inclusión e indicou que o departamento autonómico aumentou o orzamento da RISGA para este ano nun 38% pasando dos 23,7 millóns en 2012 ata os 32,7 deste ano. Unha cifra que volverá ser un crédito ampliable para ofrecer cobertura a todos aqueles que o necesiten. Mato apuntou que tamén se incrementou nun 50% a partida das axudas á emerxencia social que pasan de tres a 4,5 millóns en 2013.
A web ‘Agora + que nunca’ utiliza as novas tecnoloxías “para ofrecer solucións actuais a problemas actuais” con iniciativas como o crowdfunding, o intercambio e o fomento da implicación empresarial. Trátase dun programa que comparte obxectivos co Caixón Solidario que está a desenvolver a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Esta iniciativa serve de enlace entre as entidades de acción voluntaria e os cidadáns e os establecementos que desexen ceder obxectos, bens e materiais.
Por outra parte, Mar Pereira indicou que a Amtega contribuirá a difundir a web ‘Agora + que nunca’ a través do Programa de Voluntariado Dixital e das 98 aulas públicas para a formación dixital da Rede CeMIT, dependentes da Axencia.
A directora da Amtega sinalou que con ambas iniciativas a Xunta está a poñer os medios para achegar a tecnoloxía a toda a sociedade e especialmente aos colectivos máis afectados pola fenda dixital. Deste xeito, recalcou, “non só contribuiremos a dar a coñecer esta iniciativa de Cruz Vermella senón que posibilitaremos que máis xente saiba como acceder a ela porque iniciativas como Agora + que nunca precisan de cidadáns galegos inmersos no uso de internet e as novas tecnoloxías”.
A responsable da área tecnolóxica da Xunta afirmou que con esta colaboración “sumamos infraestruturas e recursos públicos ao labor dunha entidade de acción social para contribuír a crear un mundo mellor grazas á extensión e utilización das tecnoloxía por parte de toda a sociedade”.