Aumenta a cooperación internacional das empresas tecnolóxicas galegas no 2013

Domingo 05 de Outubro de 2014

Aumenta a cooperación internacional das empresas tecnolóxicas galegas no 2013

No último ano incrementouse en máis de catro puntos a colaboración en actividades de innovación con empresas da Unión Europea e en máis de dous puntos cos Estados Unidos.

O volume de negocio do sector TIC sube lixeiramente ata os 2.290 millóns de euros e a súa achega ao PIB galego mantense nun 2%.

O 30,6% das empresas TIC desenvolveu actividades relacionadas con I+D+i nos tres últimos anos.

Rexistrouse un significativo incremento da porcentaxe de empresas TIC que teñen contratadas velocidades superiores a 100 Mbps (17,4%), 12,2 puntos porcentuais máis que o ano 2013

Un 45,6% das empresas TIC galegas confía na estabilidade do sector nos próximos tres anos.

O sector TIC galego incrementou no último ano en máis de 4 puntos a cooperación en actividades de innovación con empresas da Unión Europea e en máis de dous puntos a colaboración neste eido con compañías de Estados Unidos. Aínda que os socios principais das empresas galegas seguen a ser de orixe español, a porcentaxe descendeu no último ano do 95,7% ao 90%, situando a cooperación coa Unión Europea nun en preto dun 15% e con Estados Unidos en case un 6%.

Son datos que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro do “Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia”, correspondentes ao ano 2014.

O informe indica tamén que o número de empresas do sector TIC de Galicia acadou a cifra de 2.232, o que sitúa á Comunidade como a quinta do Estado con maior número de empresas do sector TIC. O sector TIC dá emprego a 15.312 traballadores e mantense por riba dos 15.000 traballadores desde o ano 2010.

Non obstante, os datos poñen de manifesto a atomización do sector: Un 82,7% das empresas TIC de Galicia ten un máximo de dous traballadores/as, mentres que o 11,3% ten entre 3 e 9 asalariados.

Perfil innovador
O valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego superou os 1.087 millóns de euros no ano 2012, o que representou o 2% do PIB de Galicia e o seu volume de negocio superou os 2.290 millóns de euros no ano 2013, unha cifra lixeiramente superior á do ano 2012 (2.240 millóns de euros). Un 77,6% do volume de negocio corresponde a clientes galegos e un 14,4% ao resto de España.

O 30,6% das empresas TIC desenvolveu actividades relacionadas con I+D+i nos tres últimos anos. Destas, o 65,2% obtivo resultados comercializables.

Análise dos profesionais TIC
Desde a perspectiva de xénero, a proporción de homes que traballan no sector TIC é dun 62,3% (9.546) fronte ao 37,7% de mulleres (5.765). Analizando a distribución de funcións do persoal, constátase unha clara maioría masculina nas tarefas TIC: 64,3% de homes fronte ao 16,8% de mulleres adicadas a tarefas TIC. Na área de dirección, a presenza de homes tamén é maioritaria.

As empresas TIC galegas contan cunha maioría de profesionais tecnolóxicos con formación universitaria ou especializada a través de ciclos formativos TIC. Un 44,5% dos traballadores do sector TIC ten titulación tecnolóxica de grao superior ou medio e un 26,7% conta con ciclos formativos TIC superiores ou medios.

Cara unha Internet ultrarrápida e á mobilidade
O ADSL, presente no 60,9% das empresas TIC galegas, é a tecnoloxía de acceso a Internet máis frecuente, cun incremento de 4 puntos porcentuais no último ano. Non obstante, destaca o incremento da conexión mediante banda larga móbil, cunha penetración do 35,8%, o que supón un aumento de 4,5 puntos porcentuais no último ano.

No que respecta á velocidade de conexión a Internet, cabe salientar o incremento na porcentaxe de empresas que teñen contratadas velocidades superiores a 100 Mbps (17,4%), o que supón 12,2 puntos porcentuais máis que o ano 2013, sendo a velocidade de acceso máis frecuente a que vai de 10 a 30 Mbps (34,5%).

Cloud Compunting, redes sociais e software para aplicacións móbiles
As tecnoloxías Cloud preséntanse coma unha alternativa destacada aos actuais sistemas implantados, e xa son empregadas polo 36,1% das empresas TIC galegas, experimentando deste xeito un incremento de 3,1 puntos porcentuais respecto á edición anterior. O uso de Cloud Computing é notablemente máis frecuente nas empresas de maior tamaño: 59,3% de empresas TIC de 10 ou máis asalariados fronte ao 34,7% das microempresas.

Unha de cada tres empresas TIC galegas emprega as redes sociais, incrementando a súa utilización en 2,8 puntos no último ano e confirmando a tendencia expansiva das redes sociais nos tres últimos anos. Ademais, o 14,1% das empresas que non teñen presenza activa nas redes sociais ten previsto incorporarse a elas proximamente.

A finalidade principal para ter presenza nas redes sociais é realizar accións de marketing aínda que tamén se empregan amplamente para captar novos clientes e comunicarse e coñecer as opinións dos clientes habituais.

Outra tendencia que se extrae do estudo do OSIMGA é o uso de software en plataformas móbiles. Máis da metade das empresas TIC galegas (56,5%) empregou aplicativos en este tipo de plataformas (teléfonos móbiles e/ou tabletas) e un 11,8% das empresas adicadas ás TIC encargou algún desenvolvemento específico de software para plataformas móbiles

Aposta polo comercio electrónico e interese na formación
Cada vez existe maior necesidade por parte dos traballadores e empresarios de adaptarse ás cambiantes necesidades do sector. Así o reflicte o feito de que o 70% das empresas TIC galegas realizaron compras de bens ou servizos a través do comercio electrónico e unha de cada catro empresas TIC galegas realizou vendas a través de Internet no ano 2013.

As vendas a través de Internet representan o 37,9% sobre o volume de negocio das empresas TIC que venden a través da Rede, un incremento de 2,6 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. As empresas TIC venden os seus produtos ou servizos maioritariamente en Galicia (41,8% das vendas electrónicas) e no resto de España (41,0%).

O 28,4% das empresas TIC galegas levou a cabo accións formativas en TIC. As principais áreas de interese en formación TIC son as tecnoloxías Cloud e modelos de negocio baseados en Cloud, seguridade informática e protección de datos, e as temáticas relacionadas con redes e sistemas de telecomunicacións.

Perspectivas do sector
O informe sinala que un 39,2% das empresas TIC galegas perciben atoparse nun momento de consolidación e un 11,2% en fase de expansión. Ademais, un 45,6% das empresas TIC galegas confía na estabilidade do sector nos próximos tres anos (incremento de 16,3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior), e as visións máis optimistas sitúanse no 19,5% (3 puntos porcentuais máis que no ano 2013)

Fontes
Este informe presenta os datos obtidos a partir da enquisa realizada polo OSIMGA, incluíndo datos evolutivos e información complementaria procedente do IGE e INE, relativa ao número de empresas, emprego e contribución do sector TIC ao PIB galego en Galicia. O traballo de campo contou coa realización de 448 enquisas e permitirá actualizar o Sistema de Indicadores da Sociedade da Información de Galicia incluído no IV Plan Galego de Estatística 2012 – 2016.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org