As tecnoloxías e a lingua galega únense nunha xornada para conmemorar o dobre festexo do 17 de maio
A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza esta semana o foro Letras Galegas e Internet, onde se presentarán novos recursos en tecnoloxía lingüística
Os diversos relatorios da xornada poderán seguirse en directo a través de Internet
A Secretaría Xeral de Política Lingüística celebra esta semana a dobre festividade do 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día de Internet, cunha xornada na que se presentarán diversos recursos en tecnoloxía lingüística.
A xornada Letras Galegas e Internet, que terá lugar o xoves 19 deste mes no Centro Multimedia de Galicia, en Santiago de Compostela, inclúe un conxunto de presentacións dalgunhas das principais novidades en tecnoloxías da fala e mais da información e da comunicación en galego. Entre elas inclúense ferramentas de corrección de textos, recursos para asentar un estándar oral para o galego, programas informáticos, dicionarios en liña, materiais para a etapa infantil en internet, recursos audiovisuais na rede e os últimos títulos en libro electrónico.
Algúns dos proxectos que se presentan na xornada proceden do ámbito das institucións gobernamentais e académicas, outras do sector privado e outras da vontade de diversos colectivos sociais. Boa parte deles son aplicacións nas que a secretaría xeral está a colaborar para contribuír á calidade da lingua e ao seu prestixio social, que lle ofrecerán á cidadanía novas oportunidades para traballar e comunicarse en galego.
Incrementar os recursos tecnolóxicos en galego
Con esta iniciativa, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo busca favorecer o aumento das ferramentas tecnolóxicas en galego, pero tamén á súa difusión, para que sexan máis coñecidas e máis utilizadas polo conxunto da cidadanía.
Os relatorios da xornada serán transmitidos en directo a través de Internet, no enderezo electrónicowww.cmg.xunta.es/emision/directo/directo.htm, que pon ao dispor a Secretaría Xeral de Medios. Este departamento e mais a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica colaboran con Política Lingüística na xornada Letras Galegas e Internet. O programa da xornada pode consultar no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, enwww.xunta.es/linguagalega/letras_galegas_e_internet.