As mulleres emprendedoras contan cun novo programa de Economía e Industria para impulsar a creación de empresas TIC
Bic Galicia, en colaboración con Ineo, pon en marcha unha iniciativa para incrementar o número de empresas das tecnoloxías da información e a comunicación lideradas por mulleres
O programa, que se dará a coñecer mañá en Vigo durante o desenvolvemento do Foro “Emprender e dirixir en feminino”, inclúe a posta en marcha dunha Rede de Mentoras que asesorará ás mulleres que están iniciando a súa andaina no mundo empresarial
A Consellería de Economía e Industria pon en marcha un novo programa para impulsar a creación de empresas das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) promovidas por mulleres emprendedoras, en colaboración con Ineo, a asociación multisectorial de novas tecnoloxías da información e as comunicacións. Dentro deste programa, que será presentado mañá en Vigo no marco do foro “Emprender e dirixir en feminino. A muller emprendedora e directiva no escenario 2.0”, analizaranse as dificultades especiais que deben enfrontar as mulleres e que lles fan máis difícil emprender, e crearase unha estrutura baseada nas TIC e formada por unha Rede de Mentoras e axentes de dinamización que axuden a aumentar o número de empresas creadas por mulleres.
No foro, que se desenvolverá a partir das 9:30 horas de mañá mércores na Escola de Enxeñería de Telecomunicación, Maite Cancelo, directora xeral de Bic Galicia, presentará a nova Rede de Mentoras, un instrumento impulsado pola sociedade dependente do Igape dentro da súa Rede Mentoring e que estará conformado por mulleres do sector TIC de recoñecido prestixio que prestarán a súa experiencia e asesoramento gratuíto e de calidade a mulleres que están iniciando a súa andaina no mundo empresarial.
Durante a xornada de mañá, organizada por Bic Galicia e Ineo, avaliarase a situación da muller no ámbito tecnolóxico en Galicia, e expertas na materia falarán sobre cómo comezar a emprender en feminino no mundo TIC, expoñendo tamén exemplos de éxito e conciliación de vida laboral e familiar desde o liderado empresarial.
Neste foro contarase coa participación de Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, e con empresarias do sector como Patricia Araque, presidenta e cofundadora de ELLAS 2.O, e Pilar García-Ceballos Zúñiga, directora xeral de INSA, que explicarán como comezar no mundo TIC e as dificultades ás que se enfronta unha muller que quere poñer en marcha unha idea no entorno tecnolóxico. No mesmo foro, as empresas Ayco Internet, Ultreia Comunicación e Imaxin Software contarán os seus exemplos de éxito, que poden inspirar a outras mulleres emprendedoras.