As microempresas galegas superan á media estatal en dispoñibilidade de telefonía móbil, páxina web e uso de redes sociais
As empresas de menos de 10 empregados superan tamén a media estatal en interacción coas Administracións Públicas a través de Internet.
Por primeira vez, todas as empresas galegas de 10 ou máis asalariados dispoñen de banda larga para a conexión a Internet.
Un 46,4% das empresas galegas deste segmento conta cunha velocidade entre 2 Mbps e 10 Mbps, superando a media estatal que se sitúa no 44,3%.
O 12,4% das empresas galegas de 10 ou máis empregados ten contratada velocidades entre 30 Mbps e 100 Mbps, igualando ao valor do conxunto do Estado
No período 2013-2014, o uso das TIC nas microempresas galegas superou a media estatal en dispoñibilidade de telefonía móbil, páxina web, usos de redes sociais, así como na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet. Respecto ás empresas galegas de 10 ou máis empregados, todas dispoñen de banda larga e incrementaron nun 30% o uso das redes sociais no último ano.
Estas son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2013/2014”, publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
Por riba da media en dispoñibilidade de web, móbil e uso de redes sociais
A porcentaxe de empresas con menos de 10 asalariados que dispoñen de telefonía móbil acada o 78,4%, superando a media estatal en case 2 puntos (76,5%). Un 33,1% das microempresas con conexión a Internet dispón de páxina web, un 17,8% máis que o ano anterior, superando a media estatal (28,7%) en 4,4 puntos, o que posiciona a Galicia na 1ª posición no ranking por Comunidades Autónomas.
Resulta especialmente significativo o uso intensivo que as microempresas galegas realizan das redes sociais: o 35,4% empregan as redes sociais, superando a media estatal (31,8%) en 3,6 puntos, o que sitúa a Galicia na 4º posición no ranking estatal.
En relación ao uso de ordenador e Internet, un 65,4% das microempresas galegas dispón de ordenador, fronte ao 72,3% do Estado e o 62,6% dispón de conexión a Internet.
Entre as microempresas que contan con conexión a Internet, un 90,3% dispón de banda larga fixa e un 63,5% de banda larga móbil. A contratación de banda larga móbil medrou un 21,6% no último ano, o que permite achegarse a valores semellantes á media estatal (66,4%).
O mesmo comportamento obsérvase na interacción das microempresas galegas coas Administracións Públicas a través de Internet: a media galega sitúase nun 66,4% fronte ao 66,2% da media estatal.
Todas as empresas galegas de 10 ou máis asalariados dispoñen de banda larga
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispón de ordenador (98,6%), conexión a Internet (97,6%) e banda larga (100%). Entre as empresas galegas con conexión a Internet, o 72,4 % accede á Rede a través de telefonía móbil de banda larga.
En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, hai que destacar que un 46,4% das empresas galegas de 10 ou máis asalariados conta cunha velocidade entre 2 Mbps e 10 Mbps, superando a media estatal que se sitúa no 44,3%. Ademais, o 12,4% das empresas galegas deste segmento ten contratada velocidades entre 30 Mbps e 100 Mbps, igualando ao valor medio estatal.
Por outra banda, o 71,6% das empresas deste segmento dispón de páxina web, experimentando un incremento do 11,2%, o que permite reducir a diferenza con respecto á media estatal en 3 puntos.
Un 19,9% das empresas galegas de 10 e máis traballadores recibiu facturas electrónicas que permiten o procesamento automatizado (por exemplo: EDI, XML,...), superando en 3,7 puntos á media estatal. Por outra parte, en canto ás ferramentas de xestión empresarial, os ERP son usados no 37,4% das empresas galegas deste segmento, valor semellante á media estatal (38%) e o 32,1% empregan aplicacións para xestionar a información dos clientes (CRM).
Novas solucións TIC no ámbito empresarial: Cloud computing, redes sociais e RFID
As tecnoloxías cloud están chamadas a xogar un papel moi destacado como forma de acceso a servizos TIC avanzados. Un 13,1% das empresas galegas de 10 e máis traballadores compraron algún servizo de Cloud Computing, principalmente coa finalidade de xestionar o correo electrónico e o almacenamento de arquivos.
Un 33,2% das empresas galegas de 10 e máis empregados utilizaron algún tipo de medios sociais (Facebook, Linkedin, Google+, etc), fronte ao 36,9% da media estatal. Cabe salientar que o uso das redes sociais nas grandes empresas galegas medrou case un 30% no último ano. Entre este grupo de empresas, un 95% decántanse polo uso de medios sociais como Facebook, superando a media estatal en 2,6 puntos.
O principal uso dos medios sociais en Galicia está dirixido ao desenvolvemento da imaxe da empresa e dos seus produtos. Un 76,4% das empresas galegas de 10 e máis empregados que utilizaron redes sociais, fixérono con esta finalidade, superando a media estatal en 4,3 puntos. Tamén destacan os usos das redes sociais para intercambiar opinións con clientes (63,6%) así como para involucralos no desenvolvemento ou innovación de bens ou servizos (36,3%).
As tecnoloxías de identificación por radiofrecuencia (RFID) son empregadas xa polo 8,1% das empresas galegas de 10 e máis empregados/as, 0,4 puntos máis que a media estatal.
A eAdministración, elemento tractor do uso das TIC
Un 91,8% das empresas galegas de 10 e máis empregados interactuou coas AAPP a través de Internet, un 3,8% máis que no ano anterior e superando lixeiramente a media estatal.
O 85,1% das empresas galegas de 10 e máis empregados emprega software de código aberto, en valores semellantes á media estatal (85,6%). Analizando a tipoloxía de software, os principais usos son navegadores de Internet, aplicacións ofimáticas e sistemas operativos.