As microempresas galegas incrementan o investimento en TIC nun 45%

Venres 31 de Marzo de 2017

As microempresas galegas incrementan o investimento en TIC nun 45%

O gasto neste área pasou de 26 millóns de euros a preto de 38 millóns de euros no último ano
As empresas galegas de menos de dez empregados con páxina web superan a media estatal e aumentan o uso da sinatura dixital nun 7%
Un 28,6% das microempresas e un 42,6% das empresas de máis de dez empregados están presente en redes sociais
Máis do 82% das empresas galegas de máis de dez asalariados e un 65% conéctanse á Rede a través da banda larga móbil
Increméntase o uso de fibra óptica en máis de 9 puntos nas medianas e grandes empresas e 6 puntos entre as microempresas no último ano
A Xunta vén de abrir unha convocatoria de axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos situados en zonas illadas do rural

O tecido empresarial galego incrementou o gasto en bens e servizos TIC entre 2014 e 2015. O crecemento máis significativo rexistrouse nas microempresas cun aumento do 45%, pasando de 26 millóns de euros a case 38 millóns de euros. Nas empresas de 10 ou máis empregados o investimento pasou de 63 millóns de euros a 72,8 millóns, o que supón un crecemento do 15%.  As microempresas destinan máis recursos aos bens TIC, mentres que as empresas de 10 ou máis traballadores destinan a maior parte do gasto a servizos e consultas TIC.

Son datos recollidos no informe “A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia”, correspondente ao ano 2016, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A visibilidade na estratexia empresarial e a Publicidade en Internet

Un terzo das microempresas con conexión a Internet (33,7%) e un 79,6% das empresas de dez ou máis empregados con sede ou actividade na Comunidade posúen páxina web. As empresas deste último segmento empresarial converxen coa media estatal neste indicador mentres que as microempresas galegas sitúanse máis de 2 puntos por riba do conxunto do Estado.

Un 28,6% das microempresas e un 42,6% das pemes e grandes empresas están presente en redes sociais. A presenza en medios sociais durante o ano 2016 aumenta en tres puntos nas grandes empresas e 1,3 puntos nas microempresas. Un 10% das microempresas pagan por anunciarse en Internet, se ben esta porcentaxe chega a duplicarse entre as empresas de máis de 10 traballadores (un 22%).