As microempresas do rural poden solicitar ata o 21 de setembro as axudas deste ano para implantar as novas tecnoloxías no seu modelo de negocio
Están destinadas a empresas de menos de 10 empregados e autónomos dos principais sectores de transformación e comercialización de produtos do rural para equipamento tecnolóxico e instalación de hardware e software específico
A Xunta destinará ata 2014 un total de 1.323.000 euros a subvencionar estas actuacións
A Xunta destinará ata 2014 un total de 1.323.000 euros a axudas a microempresas asentadas no ámbito rural para que poidan implantar as TIC no seu modelo de negocio. O prazo para solicitar as subvencións correspondentes a este ano estará aberto ata o 21 de setembro.
Estas axudas están destinadas a empresas de menos de 10 empregados e autónomos dos principais sectores de transformación e comercialización de produtos do rural para equipamento tecnolóxico e instalación de hardware e software específico como programas para o traballo en rede, facturación, contabilidade, deseño específico, e-comercio, etc.
As empresas que desexen solicitar estas subvencións deberán ter o domicilio fiscal en zonas rurais de Galicia así como contrato de conexión a Internet ou estar en disposición de dispor del antes da data límite de xustificación da subvención.
A porcentaxe da axuda será de ata o 50% do investimento subvencionable cun máximo de 30.000 euros por beneficiario.
Colaboración entre Agader e a Amtega
Esta medida é posible grazas ao convenio asinado o pasado mes de abril entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que achegará o importe de 1.323.000 millóns de euros no período 2012- 2014.
O obxectivo desta medida é fomentar a mellora da competitividade das empresas destas áreas, un aspecto fundamental na innovación e o progreso do rural.