As III xornadas de informática xudicial abordarán os retos da ciberseguridade e os avances na investigación dos delitos na rede

Domingo 20 de Outubro de 2013

As III xornadas de informática xudicial abordarán os retos da ciberseguridade e os avances na investigación dos delitos na rede

Organizadas polo CPETIG, en colaboración coa Amtega, celébranse por primeira vez na Cidade da Cultura o día 25 de outubro

Unha das novidades desta edición será a participación dun representante dun organismo europeo, Manuel Álvarez Sobredo, responsable de implantación do Centro Europeo contra o Cibercrime

O evento, que celebra a súa terceira edición, consolídase como punto de encontro de técnicos e xuristas de prestixio nacional e internacional

O vindeiro venres 25 de outubro a Cidade da Cultura acollerá, por primeira vez, as Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos. O evento, que celebra a súa terceira edición, está organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería Técnica Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Baixo o título “Ciberseguridade e sistemas forenses de intrusión: PRISM e troianos, ¿Ata onde?”, o CPETIG reunirá a un grupo de expertos de prestixio co obxectivo de informar a técnicos e xuristas sobre a investigación e persecución de delitos informáticos e os avances en materia probatoria forense neste tipo de delitos, que van en aumento cada ano.

Con máis de 60 inscritos e tras o éxito de edicións anteriores, a organización agarda que as xornadas continúen consolidándose coma un punto de encontro e debate entre técnicos e xuristas. O programa completo de relatorios, así coma o formulario de inscrición, está dispoñible no microsite do evento.http://xornadaxudicial2013.cpetig.org/

Expertos de prestixio nacional
As III Xornadas de Informática Xudicial terán lugar na sede da Amtega no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia e contarán coa presenza de relatores do máis alto nivel como o xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, que xa ten participado en edicións anteriores e que nesta ocasión falará sobre os novos medios de proba electrónica no procedemento xudicial.

Unha das novidades desta edición será a participación dun representante dun organismo europeo, D. Manuel Álvarez Sobredo, responsable de implantación do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3), entidade integrada na Europol e que centraliza a loita contra o cibercrime na Unión Europea.

Tras a inauguración, que correrá a cargo da directora da Amtega, Mar Pereira, o avogado especializado en TIC David Maeztu abrirá as xornadas falando sobre o uso de troianos para a investigación de delitos. Outros relatorios correrán a cargo do xefe do Grupo de Delitos Tecnolóxicos da Gardia Civil, Alberto Redondo, a Fiscal especializada en Criminalidade Informática, Marta García de la Concha, e o Secretario Xeral da Administración de Xustiza, Joaquín Silgueiro Estagnan.

Os relatorios completaranse cunha mesa redonda adicada a un tema tan de actualidade como as diferenzas entre ciberseguridade e ciberespionaxe e onde están os límites de cada un. Finalmente, o vicepresidente da Xunta de Galicia e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, será o encargado de clausurar as xornadas.

As xornadas contan coa dirección técnica de D. Víctor Salgado e coa colaboración do bufete Pintos e Salgado e Coremain.

Convenio coa Amtega
A celebración destas xornadas enmárcase no convenio de colaboración asinado entre o CPETIG e a Amtega para realización de accións formativas no eido da informática xudicial, as análises forenses e o uso seguro de internet e as redes sociais entre os menores.