As empresas galegas de 10 e máis empregados experimentaron no último ano un incremento na formación TIC, na recepción de facturas electrónicas e no uso de software libre
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia vén de analizar os últimos datos proporcionados polo INE sobre o uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2009/2010.
O 98,4% das empresas galegas de 10 e máis asalariados con conexión a Internet utiliza banda larga
Un 18,5% das empresas deste segmento proporcionaron no último ano actividades formativas sobre as TIC, experimentando un crecemento interanual do 51,6%
O 68,1% das empresas galegas de 10 e máis empregados interactúa a través de Internet coas Administracións Públicas, situándose no oitavo posto no contexto autonómico
O 47,3% das microempresas galegas dispón de conexión a Internet, 10,8 puntos porcentuais menos que a media estatal
As empresas galegas de 10 e máis empregados experimentaron no último ano un incremento na formación en novas tecnoloxías así como na recepción de facturas electrónicas e no uso de sistemas operativos de software libre. Son algunhas das conclusións da análise que o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de realizar sobre os últimos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2009/2010.
A media estatal segue a rexistrar valores superiores en varios indicadores relativos á penetración das TIC no tecido empresarial e, de novo, son as microempresas as que presentan as maiores dificultades para a incorporarse á sociedade da información
Indicadores relativos ás empresas de 10 e máis empregados
A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispoñen de ordenador (98%), porcentaxe lixeiramente inferior ao 98,6% que rexistra a media estatal. Un 94,9% das empresas deste segmento dispoñen de conexión a Internet, experimentando un crecemento interanual do 2,2%, aínda que situándose 2,3 puntos porcentuais por baixo da media estatal.
O 98,4% das empresas galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet, acceden mediante algunha solución de banda larga, porcentaxe practicamente idéntica á media estatal (98,7%). Entre as empresas galegas con conexión a Internet, cabe salientar que un 35% accede á Rede a través de telefonía móbil de banda larga, aproximándose á media estatal (36,7%).
Un 94,5% das empresas galegas deste segmento dispón de correo electrónico, un 82,1% teñen rede de área local (LAN) e un terzo dispón de LAN sen fíos. Galicia está próxima á media estatal nestes indicadores sobre equipamento TIC e conexións básicas de comunicacións. A diferenza sitúase en 2 puntos no caso do correo electrónico e en 3,5 puntos porcentuais en dispoñibilidade de LAN.
O 58,9% das empresas deste segmento con conexión a Internet dispón de páxina web, un 6,9% máis ca no ano 2009. As principais utilidades da páxina web son a presentación da empresa (85,2% das empresas galegas con web) e o acceso a catálogos e listas de prezos (52,7%).
Equipamento TIC nas empresas de 10 e máis empregados
Un 47,5% das empresas galegas deste segmento con conexión a Internet emprega a sinatura dixital. Das empresas galegas que fan uso da mesma, o 92,4% emprégana para relacionarse coas Administracións Públicas e un 20,7% para relacionarse con provedores e clientes.
Un 22,8% das empresas galegas que realizan intercambio automatizado de datos envían facturas electrónicas, experimentando un crecemento interanual do 18,8% pero aínda a 2,3 puntos da media estatal. Cabe salientar o incremento experimentado pola recepción de facturas electrónicas que se sitúa xa no 58,8% das empresas de 10 e máis empregados que realizan intercambio automatizado de datos, superando a media estatal en 7,6 puntos.
Os datos mostran que Galicia segue a adiantar ao resto do Estado na adopción de software libre. Un 11% das empresas galegas de 10 e máis asalariados emprega o sistema operativo LINUX, fronte ao 9,5% da media estatal. Este indicador experimentou un crecemento interanual en Galicia do 8,9% mentres que o incremento do conxunto do Estado foi do 6,7%. En relación coa seguridade nas TIC, o 29,1% das empresas galegas de 10 e máis asalariados definen unha política propia con un plano de revisión regular fronte ao 32,7% que rexistra a media estatal.
Interacción coas Administracións Públicas
Un 68,1% das empresas de 10 e máis empregados de Galicia aproveitan as vantaxes da administración electrónica, situándose a 2 puntos da media estatal (70,1%). O OSIMGA salienta que as empresas de 10 e máis empregados de Galicia ocupan o oitavo posto no uso da e-Administración dentro do contexto autonómico. Os usos máis frecuentes son a obtención de información e os relacionados coa descarga de impresos e formularios. Séguenlle o envío de impresos cumprimentados e a xestión electrónica completa.
Especialización e formación en TIC
A presenza de persoal con formación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación resulta xa indispensable no desenvolvemento de calquera actividade laboral. Un 21,5% das empresas galegas de 10 e máis asalariados emprega persoal con funcións TIC específicas fronte ao 27,3% da media estatal.
No apartado de formación cabe subliñar que un 18,5% das empresas galegas afirman ter proporcionado actividades formativas sobre as TIC, experimentando un crecemento interanual do 51,6%. A porcentaxe de persoal destas empresas que recibiu formación en TIC acadou o 30,8%, superando en 2,2 puntos á media estatal.
Indicadores relativos ás microempresas
As microempresas presentan aínda niveis baixos de equipamento tecnolóxico e de presenza na Rede. Segundo os datos procedentes da citada enquisa do INE, un 54,8% das microempresas galegas dispón de ordenador, 11,4 puntos por baixo da media estatal. En canto á conexión a Internet, o 47,3% das microempresas galegas dispoñen de conexión á Rede, experimentando un crecemento do 1,3% no último ano fronte ao incremento do 4% do conxunto do Estado.
En Galicia, un 44,7% das microempresas empregan o correo electrónico, cun crecemento do 6,4% no último ano e a 10,7 puntos da media estatal. A porcentaxe de empresas con menos de 10 asalariados que dispoñen de telefonía móbil acada o 64,2%, 2,2 puntos por baixo da media estatal. Un 19,6% das microempresas con conexión a Internet dispoñen de páxina web, unha porcentaxe idéntica á obtida no ano 2009. A diferenza coa media estatal é de 5,4 puntos.
Plan Banda Larga
A dispersión xeográfica das microempresas galegas pode ser un dos factores que inflúe negativamente nos resultados destes indicadores. Ante esta situación, o Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013, que puxo en marcha a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, posibilitará o acceso á banda larga a toda a sociedade galega e situará a Galicia entre as rexións de referencia no desenvolvemento das novas tecnoloxías e infraestruturas para a Sociedade da Información. En particular, un dos obxectivos estratéxicos deste Plan é impulsar o sector empresarial mediante o despregue e o uso das novas tecnoloxías de banda larga como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación.