As empresas galegas de 10 e máis empregados converxen coa media estatal en dispoñibilidade de ordenador, internet e banda larga

Martes 21 de Xuño de 2011

As empresas galegas de 10 e máis empregados converxen coa media estatal en dispoñibilidade de ordenador, internet e banda larga

Un 33,1% das empresas galegas de 10 e máis empregados, con conexión a Internet, xa dispón dunha velocidade superior a 10Mb, superando a media estatal (31,5%)

O 81% destas empresas interactúa a través de Internet coas Administracións Públicas, cun incremento do 18,9% e situándose a 3 puntos da media estatal

O uso da sinatura dixital nas empresas galegas deste segmento experimentou un crecemento do 24,1% con respecto a 2010, fronte ao incremento do 12,7% da resto do Estado

A situación das microempresas con respecto a uso das TIC en Galicia continúa a estar por debaixo da media estatal pero experimenta incrementos en todos os indicadores

Por primeira vez, máis da metade das microempresas galegas dispón de conexión a Internet (52,8%), cun crecemento anual do 11,6%, aínda que mantendo unha distancia de 11,3 puntos porcentuais con respecto media estatal

O 96,4% das microempresas galegas con conexión a Internet dispoñen de banda larga fixa, porcentaxe semellante á media estatal (96%)

A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis asalariados de Galicia dispoñen de ordenador (98,6%), porcentaxe idéntica á que rexistra a media estatal. Un 97,3% das empresas deste segmento dispoñen de conexión a Internet, experimentando un crecemento interanual do 2,5%, e situándose en valores semellantes á media estatal. Son datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2010/2011 e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Entre as conclusións máis relevantes deste estudo, o OSIMGA salienta a converxencia que experimentan as empresas de 10 e máis empregados con respecto aos principais indicadores deste segmento a nivel estatal, así como a vantaxe do tecido empresarial galego no que se refire ao uso de código aberto e á calidade da banda larga.

Empresas de máis de 10 empregados
O 99,4% das empresas galegas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet, acceden mediante algunha solución de banda larga, porcentaxe idéntica á media estatal. Entre as empresas galegas con conexión a Internet, cabe salientar que un 41,3% accede á Rede a través de telefonía móbil de banda larga (Móbil 3G), superando lixeiramente a media estatal (40,7%).

É moi salientable a calidade da conexión a Internet de que gozan as empresas deste segmento, no que a velocidade se refire. Un 33,1% delas xa ten unha velocidade de baixada superior a 10Mb/seg, superando a media estatal que se sitúa no 31,5%.

Un 96,8% das empresas galegas deste segmento dispón de correo electrónico, un 80,2% teñen rede de área local (LAN) e un 38,5% dispón de LAN sen fíos. No caso do correo electrónico iguálase a media estatal e a LAN sen fíos incrementouse un 16,3% con respecto a 2010.

Os datos mostran que Galicia segue a adiantar ao resto do Estado na adopción de código aberto. Un 75,2% das empresas galegas de 10 e máis asalariados emprega o software de código aberto, fronte ao 74,9% da media estatal. O 28,6% das empresas deste segmento empresarial empregan sistema operativo de código aberto, 2,2 puntos porcentuais por riba da media estatal e un 65,1% utiliza navegadores de Internet en código aberto, 1,7 puntos por riba da media estatal.

O 61,2% das empresas deste segmento con conexión a Internet dispón de páxina web, un 3,9% máis ca no ano 2010. As principais utilidades do portal web son a presentación da empresa (92,5% das empresas galegas con web) e o acceso a catálogos e listas de prezos (55,7%).

En canto á sinatura dixital, a porcentaxe de empresas galegas deste segmento que a utilizan é do 59,2%, o que supón un crecemento do 24,1% con respecto a 2010. Das empresas galegas que fan uso da mesma, o 96,7% emprégana para relacionarse coas AAPP e un 23,2% para relacionarse con provedores e clientes.

En canto á implantación de sistemas de negocio electrónico, un 37,8% das empresas galegas xa envían facturas electrónicas, aínda que este indicador se sitúa a 5,2 puntos da media estatal.

Por outra banda, cómpre salientar que un 81% das empresas de 10 e máis empregados de Galicia aproveitan as vantaxes da administración electrónica, situándose a 3 puntos da media estatal (84%). Este indicador experimentou un incremento do 19,8% no último ano. Os usos máis frecuentes son a obtención de información e os relacionados coa descarga de impresos e formularios. Séguenlle o envío de impresos cumprimentados e a xestión electrónica completa.

Microempresas
A situación das microempresas con respecto a uso das TIC en Galicia continúa a estar por debaixo da media estatal pero experimenta incrementos en todos os indicadores. Segundo os datos procedentes da citada enquisa do INE, un 57,9% das microempresas galegas dispón de ordenador, 11,8 puntos por baixo da media estatal. Non obstante o crecemento deste indicador en Galicia foi dun 5,7%, lixeiramente superior ao crecemento estatal (5,2%).

En canto á conexión a Internet, o 52,8% das microempresas galegas xa dispoñen de conexión á Rede, experimentando un crecemento do 11,6% no último ano fronte ao incremento do 10,4% do conxunto do Estado.

Entre as microempresas que contan con conexión a Internet un 96,4% dispón de banda larga fixa, unha porcentaxe lixeiramente superior á media estatal (96%).

En Galicia, un 21% das microempresas dispón de LAN, cun crecemento do 27,3% no último ano fronte ao 8,9% de incremento no conxunto do Estado. A porcentaxe de empresas con menos de 10 asalariados que dispoñen de telefonía móbil acada o 67,1%, 3,64 puntos por baixo da media estatal. Así mesmo, un 19,9% das microempresas con conexión a Internet dispoñen de páxina web, cunha diferenza de 6 puntos coa media estatal.