As aulas CeMIT de 55 concellos galegos acollerán ata finais de ano novas actividades gratuítas relacionadas co sector multimedia e audiovisual
A iniciativa conta con máis de seiscentas horas de formación e está previsto que chegue a máis de sete mil usuarios
As actividades forman parte do Programa de Formación 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) e impartiranse en 55 aulas CeMIT da Rede
O prazo para inscribirse nos catros primeiros cursos remata o vindeiro 29 de abril
Pódese reservar praza a través da web, http://aulascemit.xunta.es/inscripcion, ou do número de teléfono, 981 552 568
As aulas CeMIT de cincuenta e cinco localidades galegas acollerán de maio a decembro oito cursos gratuítos relacionados co sector multimedia e audiovisual. Estas actividades forman parte do Programa de Formación 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia. A iniciativa conta con máis de seiscentas horas de formación e está previsto que chegue a máis de sete mil usuarios.
A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información en Galicia. Nesta nova edición, o Programa de Formación conta con seis microcursos de 15 horas de duración (sobre posicionamento web, televisión en internet, deseño gráfico, retoque fotográfico, community manager e streaming de audio e vídeo) e dous cursos máis amplos de máis de 40 horas sobre produción audiovisual e creación multimedia.
Os interesados nestas actividades poden informarse das datas de comezo de cada unha delas e reservar praza na aula CeMIT da súa localidade a través do 981 552 568 ou a da web http://aulascemit.xunta.es/inscripcion. O 29 de abril é a data límite para inscribirse nalgún dos catro primeiros cursos mentres que o 24 de maio remata o prazo de inscrición para os restantes.
Para o desenvolvemento das actividades da área Multimedia e Audiovisual do Programa de Formación 2012 da Rede CeMIT empregarase o sistema de videocolaboración nalgunhas das aulas CeMIT (posibilitando a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas) e o de videoconferencia noutras aulas que dispoñen dunha equipación máis avanzada (composta por un sistema de videoconferencia e por equipos audiovisuais e multimedia) o que permitirá desenvolver as actividades en formato presencial e telepresencial.
O Programa de Formación da Rede CeMIT atópase cofinanciado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.
Rede CeMIT
A Rede CeMIT, está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A localización das aulas e os contidos do Plan de Formación e da carta de servizos están dispoñibles non enlace http://aulascemit.xunta.es/inscripcion.