Arredor do 70% dos habitantes da Terra Chá contan xa con acceso de calidade á internet grazas ao Plan de Banda Larga
No ano 2013 prevese que mediante o despregamento de distintas redes a totalidade dos habitantes da comarca teñan acceso á banda larga de calidade
A xefa territorial de Presidencia da Delegación Territorial de Lugo, Marta Barreiro, visitou hoxe en Vilalba o ‘Roadshow Movistar Galicia’, que está a achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural
O Plan de Banda Larga de Galicia permitiu que preto do 70% dos habitantes da comarca da Terra Chá conten xa con acceso á internet de calidade, de cando menos 2Mbps de velocidade.
Ese foi un dos datos datos a coñecer no día de hoxe en Vilalba, co gallo da visita ao municipio chairego do Roadshow Movistar Galicia, que está a achegar as vantaxes e utilidades do emprego de internet entre a poboación rural.
A xefa territorial de Presidencia da Delegación Territorial de Lugo, Marta Barreiro, acompañada polo concelleiro de Deportes de Vilalba, Jesús Bermúdez, visitou as instalacións da devandita aula móbil e indicou que se están a “cumprir os obxectivos no desenvolvemento do Plan de Banda Larga” e subliñou que a incidencia deste plan nótase na cobertura que permitiu en zonas de dispersión xeográfica como algúns concellos desta comarca, nos que grazas as actuacións incluídas neste plan se multiplicou a porcentaxe de poboación con acceso de calidade a rede de redes.
O Plan de Banda Larga está a ser un piar fundamental para facilitar a superación do illamento xeográfico, segundo expuxo Barreiro, que resaltou os froitos da aposta tecnolóxica da Xunta, que xa ten permitido garantir Internet a preto do 30% dos veciños da Terra Chá que non tiñan acceso á rede. “Logrouse que máis veciños desta comarca teñan internet e logrouse mellorar o acceso nos lugares onde se prestan servizos públicos, xa que o 70% dos colexios, xulgados, centros de saúde que non tiñan Internet, poden acceder hoxe á rede”, indicou.
No caso de Vilalba, indicou a xefa territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a preto de 2.100 habitantes que carecían de conexión a Internet, o que supón que preto do 91,5% dos vilalbeses dispoña xa de cobertura de calidade. As previsións do departamento autonómico é que esta chegue á práctica totalidade do concello a finais de 2013, empregando conexión vía satélite nos lugares de máis difícil acceso.
Para o caso en xeral da comarca chairega a mellora de cobertura débese aos despregamentos de redes fixas (ADSL) e redes sen fíos (3G) do Plan levados a cabo por Telefónica. Cómpre salientar que se trata dun plan a catro anos, así estímase que ao remate do ano 2013 a práctica totalidade da poboación da Terra Chá disporá de acceso ao servizo de banda larga de calidade.
Concretamente, durante os anos 2012 e 2013, Telefónica seguirá a despregar redes sen fíos (3G) do Plan acadando que máis do 96% da poboación da comarca dispoña de cobertura de banda larga a través de redes fixas ou sen fíos ao remate do Plan. Así mesmo, a poboación que non queda cuberta coas actuacións anteriores, poderá acceder mediante tecnoloxía satélite.
Roadshow Movistar Galicia
No Roadshow Movistar Galicia os veciños da localidade puideron aprender a través de distintas demostracións como levar a cabo unha compra online, solicitar unha cita médica, facer uso da sede electrónica da Xunta, realizar trámites coa Administración ou consultar todo tipo de información dispoñible na rede.
A aprendizaxe realízase de maneira gratuíta a través dos 18 postos con ordenador cos que conta esta aula móbil e está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.
O obxectivo desta actuación do plan, adxudicada a Telefónica en setembro pasado, é dotar de acceso á rede a máis de 11.300 núcleos do rural galego de aquí a 2013, beneficiando a preto de 250.000 persoas. Para o seu despregamento, Telefónica utiliza a tecnoloxía 3 G-UMTS na banda de 9MHz, con gran capacidade de propagación en zonas cunha orografía complexa e capaz de alcanzar velocidades de ata 7 megas.