Arranca o Xuventude Galicia Net, a maior ‘Lan party’ de Galicia, que contará con 1.000 participantes de toda España
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe a 13 edición desta mostra coa apertura das portas do Pazo de Congresos de Santiago
Aos mil participantes inscritos sumaránse outros máis de 5.000 que poderán participar nas actividades de balde
Durante os tres días celebraranse conferencias e charlas con poñentes recoñecidos nacional e internacionalmente, así como obradoiros, talleres, charlas–coloquios e mesas redondas
Como novidade nesta edición, Xuventude Galicia Net non pechará as súas portas pola noite, ofrecendo de balde noites de cine temáticas de acceso libre
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe a XIII edición de ‘Xuventude Galicia Net’ coa apertura das portas no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago que durante tres días acollerá a maior ‘Lan party’ de Galicia, na que participarán 1.000 mozos e mozas de toda España, aos que se sumarán máis de 5.000 mozos e mozas que participarán nas actividades de balde.
Co obxectivo de consolidar a formación deste evento como un referente a nivel nacional no mundo das novas tecnoloxías, durante os tres días celebraranse conferencias e charlas con poñentes recoñecidos nacional e internacionalmente, así como obradoiros, talleres, charlas–coloquios e mesas redondas.
Deste xeito, a tarde comezará coa presentación do programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia por parte da directora da area de sociedade dixital da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (AMTECA), Yolanda García. Tras a presentación deste programa, posto en marcha conxuntamente coa Dirección Xeral de Xuventude, Cristina Novo de COGAMI Lugo ofrecerá a charla ‘O voluntariado e as TIC como medio de participación social das persoas con discapacidade’. Neste senso cómpre salientar que membros desta entidade participarán de xeito activo nesta ‘party’.
Posteriormente darán comezo os diversos obradoiros e talleres, entre os que destaca o de ‘neuromarketing web’, e dicir, cómo afectan as respostas afectivas no deseño de páxinas web, e o de “xogóns”, no que serán analizadas as luces e sombras da profesión de probador de videoxogos.
Para dar unha visión da situación socioeconómica actual, ás sete da tarde dará comezo a conferencia do profesor de política de empresa, Leopoldo Abadía, autor de diversos libros como ‘A crise ninja e outros misterios da economía mundial’, libro de non ficción máis vendido en España.
Para rematar a oferta formativa, a última intervención da tarde estará conducida polo creador do blog ‘obamaworld.es’ e gañador do Premio Porquet de periodismo dixital 2012, Jordi Pérez Colomé, cunha ponencia sobre cómo facer para que un blog funcione.
Dentro da party terá lugar a presentación de ‘Krynea: Imperial Wars’, un videoxogo de estratexia en liña multixogador masivo (MMORTS) de ambientación medieval. O xogo é gratuíto e, como se xoga nun entorno web, o único que se precisa é un navegador.
Dentro da party, desenvolveranse competicións oficiais de videoxogos; realizaranse competicións de ‘Future Arena Tournament’, a liga amateur de e-sports que se ven realizando nos encontros informáticos en diversos puntos de España. Deste xeito, os participantes poderán xogar cos seus pc`s nos campionatos de Counter Strike 1.6, League of Legends, FIFA2012, Super Street Fighter 4, Trackmania, Quake Live, e Tekken 6.
Así mesmo durante a party realizaranse diversas actividades relacionadas co modding, hardware e overclocking: talleres, charlas e exhibicións. Deste xeito, no taller de modding os participantes poderán adquirir novos coñecementos sobre como confeccionar os seus propios deseños e a súa posterior plasmación nos seus equipos informáticos. E na charla sobre os principios de overclocking os participantes poderán informarse sobre como acadar un maior rendemento do seu pc, combinando a formación teórica cun taller práctico.
Os exteriores do Pazo de Congresos e Exposicións e o hall de entrada darán acollida ás actividades da extranet, abertas ao público en xeral e de carácter totalmente gratuíto. Deste xeito na explanada exterior do recinto todos os que queiran achegarse poderán facer uso das instalacións de paintball, rocódromo, diversos xogos e, no interior do Pazo, contarase con un scalextric xigante, con stands de consolas e videoxogos, simuladores de xogos (golf, ski, tiro), talleres de maquillaxe e incluso un stand de ciencia divertida para despertar o interese científico dos máis cativos.
Para os amantes da arte a unha escala non miniaturizada tamén haberá un oco no exterior do Pazo de Congresos no que o Graffiti será o protagonista. Os participantes na XGN poderán participar nun obradoiro de iniciación ao graffiti e presenciar unha exhibición desta arte urbana.
Como novidade nesta edición, Xuventude Galicia Net non pechará as súas portas pola noite, ofrecendo de balde noites de cine temáticas de acceso libre. Deste xeito, as temáticas cinematográficas serán os zombies e ‘A guerra das galaxias’. A partir das nove da noite ata a madrugada proxectaranse interrumpidamente cada noite seis películas. Previamente ao comezo de cada noite temática ofrecerase aos asistentes a posibilidade de caracterizarse cos personaxes cinematográficos no taller de maquillaxe que se desenvolverá na zona exterior da party.