Arranca en Ourense a implantación do sistema Lexnet, que permite o intercambio telemático de documentos entre os axentes da Xustiza e elimina a notificación en papel
Comezou a funcionar onte nos seis Xulgados de Instrución da cidade
Lexnet permite reducir os tempos de tramitación e resposta con todas as garantías de seguridade e elimina a notificación en papel
Un total de 225 órganos xudiciais da Comunidade xa teñen implantado este sistema
Entre xaneiro e agosto de 2012 realizáronse 1.395.000 comunicacións telemáticas na Comunidade, o dobre que no mesmo período do ano 2011
A Xunta iniciou esta semana nos seis xulgados de instrución de Ourense a implantación dos sistema Lexnet, unha plataforma de intercambio seguro de información entre os axentes do ámbito xudicial, que permite as notificacións de xeito telemático, a presentación de escritos e demandas utilizando a sinatura dixital.
A aplicación facilita o intercambio da documentación xudicial en soporte electrónico a través da identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais ademais de reducir os tempos de tramitación e resposta, os custes e contribuíndo á eliminación da notificación en papel. No que levamos de 2012 realizáronse 1.395.000, o dobre que no mesmo período de 2011.
A aplicación Lexnet xa está operativa en 225 órganos xudiciais da Comunidade e o proceso de implantación estivo acompañado dun programa formativo para os colectivos profesionais que empregan este sistema: corpo de funcionarios de xestión procesual, procuradores, avogados do Estado e da Axencia Tributaria.
Beneficios
A implantación de Lexnet está a permitir unha redución das operacións de envío de notificacións, escritos ou copias de escritos así como dos desprazamentos. Ademais Lexnet garante a máxima fiabilidade na comunicación, ao facilitar aos usuarios un certificado do momento do envío don selado de data e tempo e ofrece todas as garantías de seguridade ao tratarse de redes pechadas con control de acceso e identificación de usuarios.
Funcionamento
O acceso a Lexnet realízase mediante un certificado dixital que permite a autentificación do usuario. O soporte físico do certificado dixital é unha tarxeta criptográfica distribuida pola Xunta de Galicia que ofrece máis seguridade que a súa instalación en cada PC. Ao introducir a tarxeta no PC o empregado accede a Lexnet identificándose como usuario autorizado do sistema e pode proceder ao proceso do envío que asinará dixitalmente.
O sistema Lexnet ten un funcionamento similar ao correo electrónico pero garante que o emisor da documentación é quen di ser; a confidencialidade e seguridade do sistema xa que só o receptor da documentación poder acceder á información e a integridade do contido do documento que non pode ser modificado durante o proceso.