Arranca en Arteixo a primera fase para a tramitación telemática das licenzas urbanísticas grazas á colaboración entre a Xunta e o Colexio de Arquitectos
Unha pasarela telemática permite aos técnicos de urbanismo acceder a información online dos proxectos de obra visados polo Colexio de Arquitectos
Permitirá simplificar a tramitación e aforrar custes en papel e desprazamentos
A Administración autonómica facilitará este servizo a todas as entidades locais adheridas ao convenio eAdministración que está a impulsar a Administración electrónica nos municipios
A Xunta inicia no Concello de Arteixo a implantación da primeira fase para a tramitación telemática das licenzas urbanísticas. Trátase da posta en funcionamento dunha pasarela telemática que permite aos técnicos de urbanismo dos municipios acceder online á información dos proxectos de obra visados polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para completar o trámite de autorización.
No 2012 o COAG prevé que se xestionen preto de 22.400 trámites relacionados coas licenzas urbanísticas, que xeran máis de 240.000 documentos en pdf, dispoñibles xa a través desta pasarela telemática.
Esta plataforma, accesible a través do portal web PasaXe, estará dispoñible para todos os concellos adscritos ao convenio eAdministración da Xunta e a Fegamp para impulsar a Administración electrónica nas entidades locais. A día de hoxe están adheridos a este acordo o 98% das entidades locais.
O seguintes municipios no que se implantará o sistema serán Abegondo, no que xa se completou a formación e Santiago, onde ser presentou a iniciativa. Ademais, en colaboración coa Fegamp, xa se identificaron outros 9 concellos nos que se iniciará o proceso de xeito progresivo: O Barco, Ourense, Silleda, Betanzos, Carballo, Monforte de Lemos, Sarria, Cangas e Moaña.
A posta en marcha desta iniciativa, financiada con Fondos Feder, enmárcase dentro da estratexia tecnolóxica da Xunta para impulsar o desenvolvemento da administración electrónica na Comunidade Autónoma galega. Así o explicaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica Galicia, Mar Pereira, e o director xeral de Administración Local, Norberto Uzal, durante unha visita ao Concello de Arteixo acompañados polo decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte, e o alcalde do municipio coruñés, José Carlos Calvelo.
Obxectivos e vantaxes
Entre outros obxectivos, a iniciativa permitirá un aforro de custos e tempos, ademais de mellorar o servizo á cidadanía. Ademais supón un avance na normalización da información e documentación dos proxectos de edificación, na conexión directa entre as Administracións públicas e o COAG como provedor de servizos tecnolóxicos, e a creación de ferramentas comúns para revisar os proxectos construtivos.
O sistema asegura unha tramitación telemática segura e íntegra da información grazas ao uso da sinatura dixital, cunha gran facilidade no manexo de arquivos, e unha transparencia e homoxeneidade absoluta nos procedementos urbanísticos.
A maiores, o proxecto permitirá outros beneficios a medio prazo, a obtención automática de datos estatísticos sobre edificabilidade en Galicia, información xeorreferenciada dos edificios de Galicia e a posibilidade de estender esta solución a outros procesos urbanísticos.
Interoperabilidade
A posta en marcha desta primeira fase da tramitación telemática das licenzas urbanísiticas supón outro avance no proceso de modernización da Administración, impulsando a interoperabilidade entre organismos así como facilitando e simplificando os trámites para os cidadáns.
Neste sentido a Xunta impulsará a prestación de servizos dixitais aos concellos desde o Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI), unha plataforma tecnolóxica de altas prestacións, que entrou en funcionamento en setembro, e na que centralizarán os servizos dixitais da Administración autonómica e das entidades locais. O CPDI, configúrase como a infraestrutura tecnolóxica chave que actuará como o nodo que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado.