Arias destaca que os orzamentos do 2011 serán “os da converxencia territorial” para Lugo, impulsando o tecido empresarial, o medio rural e as novas tecnoloxías
A delegada territorial sinala a aposta por sectores estratéxicos: Consígnanse máis de 10 millóns de euros para a modernización tecnolóxica –á marxe da extensión da banda larga-, e cerca de 75 millóns para o plan estratéxico do sector lácteo
Subliña que as contas da Xunta “blindan os servizos fundamentais e garanten a continuidade de todos os proxectos de infraestruturas que están en execución na actualidade”
Os orzamentos do 2011 para a provincia de Lugo teñen como referente “a converxencia territorial”, por elo “priman o investimento nesta provincia” e, fundamentalmente, “impulsan o desenvolvemento en tres eidos básicos: O tecido empresarial, o medio rural e as infraestruturas”.
Así o expuxo hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quen destacou que os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro exercicio están caracterizados polo fortalecemento das políticas sociais, a extensión das novas tecnoloxías e o empuxe ao reequilibrio territorial. Os orzamentos, sinalou, “blindan a prestación de servizos fundamentais e garanten a continuidade de todos os proxectos de infraestrutura que están en execución”.
Arias repasou algúns dos investimentos que xa aparecen territorializados e que confirman o esforzo inversor que se pretende realizar en Lugo, sen contar con outras partidas xenéricas que terán unha incidencia especial na nosa provincia, como sucederá no ámbito da modernización tecnolóxica.
Así, o Plan de Banda Larga de Galicia reserva preto de 2 millóns de euros a investir en Lugo a través do operador público Retegal. Pero ademais, contempla o gasto de máis de 9 millóns de euros para contratar actuacións con operadores privados no conxunto de Galicia, e boa parte deste montante terá como destino a nosa provincia.
Arias incidiu no empeño da Xunta de “avanzar cara á innovación tecnolóxica” para lograr a definitiva incorporación de Lugo á sociedade da información e da comunicación. “Debemos situar os cartos dos galegos naqueles sectores determinantes para o despegue da economía lucense –afirmou-; en época de crise temos a obriga de ser máis competitivos”.
Avance en infraestruturas dixitais
Na modernización tecnolóxica da provincia investiranse máis de 10 millóns de euros, destinados á aplicacións para pequenas empresas (comercio e servizos electrónicos), accións de alfabetización dixital, avance da administración electrónica e modernización da administración –en concreto para a administración de xustiza destínanse máis de 800 mil euros-.
Xunto co avance nas infraestruturas dixitais, mantense o progreso das infraestruturas convencionais, continuando cos grandes proxectos en marcha. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas consigna máis de 11 millóns para os tramos lucenses da VAC da Costa, 23 millóns para a VAC Sarria-Monforte e 5,5 millóns para o acondicionamento das estradas Baralla-O Cádavo e Becerreá-Navia de Suarna.
Dispón así mesmo partidas millonarias para solo industrial (preto de 4 millóns para o parque empresarial de Baamonde e 3,8 millóns para o das Gándaras, que xa ten parcelas á venda) así como para proxectos como o auditorio de Lugo (3,1 millóns) ou os accesos á área loxística de Monforte (1,5 millóns).
Actuacións no medio rural
De vital importancia para a nosa provincia serán tamén as actuacións no sector forestal e no sector lácteo que proxecta a Consellería de Medio Rural. Para o primeiro recóllense varias medidas de redución ou exención de impostos para impulsar as agrupacións de propietarios e a xestión viable do monte.
Pola súa banda, o plan estratéxico para o sector lácteo galego, que suporá un investimento de 838 millóns de euros ata o 2013, deixará xa no vindeiro exercicio máis de 70 millóns na provincia de Lugo.
Por último, Raquel Arias subliñou que os orzamentos incrementan “ata cifras históricas o peso do gasto social”, ao destinar “3 de cada 4 euros consignados ás prestacións fundamentais: Sanidade, educación e servizos sociais”. A área de Benestar investirá 73,4 millóns de euros na provincia, o que permitirá incrementar as prazas en garderías –como as de Alfoz, Baralla e Vilalba- e centros de día –coa construción dun centro en Cervo e o inicio dunha residencia en Paradela-.
No tocante á sanidade, prevese un investimento de 2,2 millóns de euros para completar os equipamentos do novo hospital, “que xa estará funcionando a pleno rendemento”. Ademais, para completar os novos servizos de medicina nuclear, radioterapia e hemodinámica, a Consellería de Sanidade reserva 6,32 millóns de euros.
Na atención primaria, só en partidas territorializadas, adícanse preto de 12 millóns de euros para rematar os centros de saúde de Monterroso e Sarria e levar a cabo melloras noutros como os de Burela, Meira, Riotorto, Xermade, O Saviñao e o centro da Milagrosa, na capital.