Apróbase unha nova inxección de 16 millóns de euros para fomentar a consolidación dos clústers e achegar circulante ás empresas galegas
Destaca que os 12 grandes clústers da Comunidade representan un terzo do PIB e rexistran a metade das exportacións
Salienta a posta en marcha do Programa ReSolve, dotado con 12 millóns de euros, para avalar préstamos cos que as pemes poidan afrontar o gasto corrente
A orde de axudas prevé conceder créditos de entre 3.000 e 150.000 euros que mellorarán a situación financeira de 500 empresas en Galicia
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou a aprobación hoxe polo Consello da Xunta “dunha nova inxección de 16 millóns de euros para activar a economía en Galicia” a través de dúas ordes de axudas destinadas a fomentar a consolidación dos clústers sectoriais e a achegar capital circulante ás empresas.
Na rolda de prensa do Consello da Xunta, Feijóo apuntou que o Goberno segue a considerar “que xuntos imos traballar mellor e, por tanto, que as empresas que queiran cooperar entre si terán máis posibilidades de facerse ver nos mercados nacionais e, sobre todo, nos mercados internacionais”. Nese marco situou a primeira liña de axudas específica para financiar os clústers en Galicia, dotada con 4,2 millóns de euros e co obxectivo marcado de “desenvolver plans estratéxicos para o período 2013-2015 dos 12 clústers máis importantes da Comunidade Autónoma”.
O mandatario autonómico detallou que se prevén dous tipos de financiamento: o primeiro deles busca “que os clústers poidan acceder a infraestruturas de investigación, con apoios que poden chegar ata o 50 por cento”, e o segundo pretende “fomentar a captación de empresas e a organizacións de programas formativos que presten servizos nos clústers”. Nese caso, apuntou que o financiamento pode chegar ao 100 por 100 de cada proxecto de formación.
Explicou Alberto Núñez Feijóo que as axudas se concederán en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta, por unha banda, “o potencial, a capacidade tecnolóxica e innovadora e a capacidade competitiva dos clústers” e, por outra “as características especiais no que se refire a innovar, a proxectos e á detección de novas oportunidades de negocio”.
Incidiu en que se trata dunha liña de axudas “novidosa” que dá cumprimento á Lei de política industrial de Galicia, que ten entre os seus obxectivos “incrementar o apoio aos clústers pola súa capacidade de dinamizar a economía galega”. A este respecto, o titular da Xunta resaltou que estas agrupacións empresariais aglutinan “arredor dun terzo do Produto Interior Bruto de Galicia”, suman máis de 26.000 millóns de euros de volume de negocio anual e representan máis da metade das exportacións galegas.
O presidente da Xunta sinalou que, xunto cos 12 clústers máis importantes da Comunidade Autónoma, tamén poderán optar a esta liña de axudas “as entidades con personalidade xurídica propia e sen fin de lucro, representativas de ámbitos empresariais con impacto significativo na economía galega que superen a achega conxunta ao PIB de máis dun punto”. Nestes casos, as entidades solicitantes da axuda deberán presentar un volume de vendas conxuntas que supere “polo menos o 30 por cento do total da actividade” do sector e o número de empresas representadas deberá superar, polo menos, o 10 por cento do total das empresas.
Programa ReSolve para achegar liquidez ás empresas
O titular do Goberno galego deu conta da aprobación tamén hoxe polo Consello da Xunta dunha medida destinada a incidir “nun dos principais problemas da economía española”, que é a falta de financiamento da actividade empresarial. Lembrou que nesa mesma liña actúan xa iniciativas como a Lei do emprendedor ou a rebaixa do prezo do solo industrial en Galicia e avanzou que hoxe se pon en marcha o programa ReSolve como unha liña de axudas dotada con 12 millóns de euros para “facilitar o circulante nas pequenas empresas”.
Detallou que, conforme ao acordo aprobado esta mañá, as pemes poderán acceder a préstamos de entre 3.000 e 150.000 euros que contribuirán a “mellorar a situación financeira de 500 empresas en Galicia”. Os préstamos, sinalou, serán avalados ao 100 por 100 polas sociedades de garantía recíproca e poderán ter un reaval da Consellería de Economía e Industria por un importe do 25 por cento “para facilitar ese préstamo”.
No tocante aos prazos, Feijóo informou de que o máximo será de 5 anos e se inclúe un prazo de carencia de 2 anos nos que non se ten que aboar nin interese nin capital. O importe dos préstamos debe dirixirse ao abono das nóminas dos traballadores, ao pagamento de tributos, ás rendas de alugueiros, a operacións de leasing ou a pagamento a provedores e acredores.
O titular do Executivo autonómico salientou que este programa se completa con outros en marcha, que suman 30 millóns de euros en avais para as medianas e pequenas empresas “co obxecto de superar o atranco de crédito que se está producindo no sistema financeiro español”.