A AMTEGA asiste ao SIMO Educación 2025, cita de referencia en tecnoloxía e innovación educativa

Mércores 29 de Outubro de 2025

A AMTEGA asiste ao SIMO Educación 2025, cita de referencia en tecnoloxía e innovación educativa

O Salón Internacional de Tecnoloxía e Innovación Educativa (SIMO Educación) celébrase en Madrid do 28 ao 30 de outubro
A presenza da AMTEGA neste evento permite coñecer de primeira man as últimas tendencias e ferramentas destinadas a mellorar os procesos de ensino-aprendizaxe e a xestión dos centros educativos.
 
 A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a través da Xerencia de Proxectos de Educación,  asiste ao Salón Internacional de Tecnoloxía e Innovación Educativa (SIMO Educación), que se celebra en Madrid do 28 ao 30 de outubro. O evento, organizado por IFEMA, é unha das principais citas para profesionais da docencia e da tecnoloxía aplicada á educación, reunindo marcas líderes, grupos editoriais, distribuidoras e plataformas de contidos educativos.
 
A presenza da AMTEGA neste evento permite coñecer de primeira man as últimas tendencias e ferramentas destinadas a mellorar os procesos de ensino-aprendizaxe e a xestión dos centros educativos. O salón ofrece unha ampla visión das solucións tecnolóxicas máis avanzadas ao servizo da innovación no ámbito educativo.
 
Desde o ano 2010, Galicia desenvolve unha estratexia propia de incorporación das tecnoloxías ao ensino a través do proxecto Abalar, que transformou a aula tradicional nunha aula dixital e dotou os centros públicos de equipamento, conectividade, contidos dixitais e formación para o profesorado.
 
Ata o de agora, a dotación de ordenadores xestionada pola Amtega dentro do programa Abalar-E-Dixgal ascende a 97.300 unidades, ás que se engaden 16.000 paneis interactivos instalados nos dous últimos anos. Estas actuacións completan o proceso de dixitalización das aulas desde Educación Infantil ata Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial. 
 
No curso 2025/2026, máis de 60.000 estudantes de preto de 600 centros educativos galegos benefícianse dunha educación híbrida grazas ao programa E-Dixgal, que ofrece contidos editoriais gratuítos, ferramentas colaborativas e recursos adaptados a cada nivel educativo, etc. garantindo o acceso universal ás tecnoloxías e fomentando un uso responsable e seguro das mesmas.
 
A asistencia da AMTEGA ao SIMO Educación 2025 reforza o compromiso de Galicia coa innovación e a modernización tecnolóxica do sistema educativo, un proceso continuo que busca mellorar a calidade do ensino e adaptalo ás necesidades do século XXI.